Site icon Crónica3.com A Mariña

Malia a suba da tarifa da auga un 8,9%, Por Viveiro asómbrase de que as forzas políticas estean máis preocupadas polos fallos técnicos da retransmisión do Pleno

Viveiro, 12 de xaneiro, 2023. Este martes en Viveiro tívose que suspender o Pleno Municipal por problemas técnicos na retransmisión en Internet. Esta cuestión non debería solapar o tema importante de debate do día: A tarifa da auga para as veciñas e veciños de Viveiro vai subir un 8,9%, ligada ao IPC que establece o contrato vixente.

No ano 2003, Viveiro aprobou por unanimidade unha concesión de 15 anos para o servizo de saneamento e abastecemento de auga no noso Concello

No ano 2008, e xa con María Loureiro na corporación, o PSOE de Viveiro aprobou en solitario unha prórroga do contrato por 15 anos máis, a cambio de obras valoradas en 960.000€ e 180.000€ para o Concello. Foi pan para hoxe e fame para mañá. E dicir, temos contrato ata 2033, unha verdadeira hipoteca a 30 anos.

O contrato é claro, a subida vai ligada ao IPC, e o incremento nesta anualidade é desproporcionado. O contrato é de obrigado cumprimento, polo que Viveiro ten as mans atadas ata o 2033 e por moito que calquera forza política local vote en contra de cara á galería, non vai servir para nada.

Preguntámonos a que vai destinar a concesionaria este incremento de prezos, aos seus traballadores, a obras para o Concello ou a mellorar a súa conta de beneficios?

E que se pode facer? Hai algunha solución?

A resposta é clara, si. Renegociar os termos do contrato coa concesionaria para reducir incremento de prezos ligado ao IPC, pero diso non temos ningunha nova por parte do goberno local do PSOE, e a proposta ao pleno é a suba do 8,9%. Unha verdadeira hipoteca.

Exit mobile version