Site icon Crónica3.com A Mariña

Manuel Rouco: “O goberno local de Burela esquécese dos nosos maiores”

Os populares instan ao equipo de goberno do Concello a contratar con urxencia ao persoal necesario para o sistema de autonomía e atención á dependencia

Burela, 12 de xaneiro de 2023. O goberno municipal de Burela, presidido polo socialista Alfredo Llano, demostra unha notable falta de sensibilidade na xestión do sistema de axuda á dependencia. Así o entende o portavoz popular, Manuel Rouco, que insta a Llano a “contratar con urxencia ao persoal necesario para completar este servizo e a aumentar as horas nestas prestacións tan necesarias”.

Rouco sinala: “O Partido Popular de Burela ten que falar alto e claro e manifestar unha realidade innegable: o goberno local de Burela, socialista, esquécese dos nosos maiores”. Explica: “Coa entrada do ano 2023, o goberno socialista de Burela debería ter contratados dous novos profesionais para o sistema de autonomía e atención a dependencia, debido á baixa de dúas persoas que traballan neste ámbito. Do mesmo xeito prometeu incrementar as horas deste servizo para que as longas listas de espera en materia de dependencia se reducisen, pero nada cambiou polo de agora”.

O portavoz popular di: “Perder a autonomía e converterse en persoa dependente afecta a quen o padece e tamén aos familiares que proveen coidados e exercen en moitos casos como coidadores ou coidadoras principais”. Engade: “Hai moitas familias de Burela con persoas dependentes ao seu cargo. O Concello de Burela non mira por estas persoas dependentes e as súas familias e impídelles disfrutar dun dereito como é este servizo, enmarcado na lei 39/2006 do 14 de decembro, de promoción da autonomía persoal e atención ás persoas en situación de dependencia; esta lei ten por obxecto regular as condición básicas que garantan a igualdade no dereito subxectivo da cidadanía á promoción da autonomía e á atención as persoas en situación de dependencia”.

Os populares instan “ao goberno local socialista a que contrate con urxencia ao persoal necesario para completar este servizo e a que aumente as horas neste servizo tan necesario”. No PP de Burela esperan “que os socialistas, nesta ocasión, centren os seus esforzos na mellora do servizo e non en culpar a outros da súa falta de xestión”.

Exit mobile version