Site icon Crónica3.com A Mariña

Medio Rural da Deputación dá un novo impulso a plataforma de venda en liña Son de Lugo, cun programa de asesoramento para as marcas que se incorporen

Mónica Freire: “queremos seguir ampliando o proxecto para que as pequenas producións poidan sacarlle a máxima rendibilidade”

Lugo, 25 de xaneiro de 2023. Medio Rural da Deputación de Lugo reforza neste 2023 o seu apoio á plataforma de venda en liña Son de Lugo, que puxo en marcha en 2021 co obxectivo de ofrecer unha canle de comercialización directa a pequenas producións agroalimentarias de calidade diferenciada de toda a provincia.

A área dirixida por Mónica Freire financiará un programa de asesoramento e formación de novos produtores para seguir ampliando o abano de produtos que se venden na web, ofrecendo unha maior variedade de alimentos e marcas aos consumidores á vez que se optimizan os procesos e protocolos de traballo necesarios para o funcionamento da plataforma.

A responsábel provincial explicou que “nestes case dous anos o número de produtos ofertados e dispoñibles na plataforma multiplicouse, pasando de 12 a máis de 30 firmas asociadas e amosando a potencialidade de Son de Lugo como ferramenta para poñer en valor a calidade dos alimentos e rendibilizar o traballo dos produtores e produtoras. A partir desta base xa sólida, queremos seguir ampliando o proxecto, reforzando a formación e asesoramento a novos produtores con profesionais con experiencia na comercialización en liña de produtos agroalimentarios”

“Os produtores e produtoras que se incorporen a Son de Lugo contarán con apoio profesional para definir o produto máis axeitado para comercializar e tamén para establecer os protocolos de traballo e xestión de pedidos; en definitiva, para que cada marca nova poida sacarlle a máxima rendibilidade a esta ferramenta”, concretou a deputada.

Esta labor de asesoramento e acompañamento será desenvolvida pola Asociación de Gandeiros da Fonsagrada, Asgafón, que ven desenvolvendo unha ampla gama de accións de asesoramento e conexións de comercialización para as máis de 100 explotacions que ten asociadas, maioritariamente adicadas á produción de tenreira galega suprema. Medio Rural da Deputación achegará 16.000 euros para financiar o proxecto.

Produtos de quinta gama

Entre as novidades para esta nova etapa, Son de Lugo incorporará á oferta para os consumidores e consumidoras pratos elaborados cos produtos que xa están integrados na plataforma, unha oferta novidadosa que axuda a incrementar o valor engadido dos alimentos e os ingresos de produtores e produtoras.

Traxectoria en crecemento

Medio Rural da Deputación impulsou a creación de Son de Lugo en 2021, co obxectivo de proporcionar a pequenos produtores de toda a provincia unha canle de comercialización directa para ofrecer os seus produtos agroalimentarios, de calidade diferenciada e contrastada, directamente ao consumidor final.

A plataforma suma xa 32 produtores e produtoras de hortalizas, verduras, lácteos, peixe, carne de tenreira, carne de porco, embutidos, legumes, especias, viño, mel, pan, marmeladas, conservas, cosmética natural, empanadas ou cervexa, cun catálogo de máis de 100 produtos que se poden mercar na tenda en liña www. sondelugo.com

Exit mobile version