Site icon Crónica3.com A Mariña

Mondoñedo erixirá un monumento a Cándido Carreiras, primeiro alcalde da II República

Sufragarase mediante subscrición popular e situarase no Cemiterio Vello a carón da tumba de Manuel Leiras Pulpeiro. A conta onde se recollen as doazóns para custear este monumento está aberta na entidade Abanca, baixo a denominación “Homenaxe a Cándido Carreiras”. O número é o ES 23 2080 0125 8130 4002 1721.

Mondoñedo, 30 de xaneiro de 2023. Ao cumprirse o pasado outono 75 anos do pasamento de Cándido Carreiras Domenech (Mondoñedo 1870 – 1947), o colectivo Memoria da Mariña xunto cun grupo de veciños e veciñas da comarca acordaron promover unha serie de actos para honrar a memoria deste político mindoniense, actos que culminarán o próximo día 15 de abril de 2023 coa inauguración dun monumento na súa memoria que se situará no lugar onde descansan os seus restos, no Cemiterio Vello de Mondoñedo, a carón da tumba do seu amigo e correlixionario, Manuel Leiras Pulpeiro.

Curiosamente, aínda que por tradición oral sempre se soubo en Mondoñedo que a tumba de Carreiras estaba nese lugar, non consta en ningunha documentación oficial o lugar exacto de enterramento.

O deseño do monumento é da autoría do artista mindoniense, Daniel Río ‘Caxigueiro’. Constará dun soporte de granito sobre o que se asentará unha lápida de mármore, e sobre esta unha póla vexetal fundida en bronce, simbolizando o paso do tempo e a memoria.

Cándido Carreiras Domenech, fiel desde os tempos da I República á causa republicana federal, íntimo amigo e protector da memoria do médico e poeta, Manuel Leiras Pulpeiro, foi xornalista, correspondente en Mondoñedo de varios xornais galegos, e rexentou negocios como unha xastrería e un bar-librería.
Axiña comeza a participar en política, o que lle valeu varios contratempos como detencións, agresións físicas, e incluso deportacións na época da ditadura de Primo de Rivera. A través de diferentes escritos que publicou ao longo da súa vida en diferentes medios, podemos asegurar que era un home profundamente preocupado polos problemas sociais do seu tempo, como a sangría migratoria que afastaba da terra á xente nova, a denuncia dos precarios medios de vida da xente do común ou a eternamente fracasada loita por un ferrocarril que conectase a costa lucense e o interior de Galicia.

Tras a proclamación da II República o 14 de abril de 1931, Carreiras, destacado membro do Comité Republicano Mindoniense, foi nomeado presidente da comisión xestora municipal con funcións de alcalde. Naqueles días, xunto cun numeroso acompañamento dirixiuse ao camposanto municipal e diante da tumba de Leiras (xa falecera en 1912) comunicoulle emocionado ao antigo correlixionario a grata novidade: Leiras, Leiriñas, chegou a nosa!

O 15 de agosto de 1936 foi detido xunto con outros mindonienses por orde do gobernador civil de Lugo, “por ser individuo de ideas republicanas y estar disconforme con el movimiento militar”.

Cándido Carreiras Domenech foi afortunado se comparamos a súa sorte coa doutras vítimas do fascismo que acabaron paseadas e asasinadas ou sometidas a consellos de guerra que lles depararon sentenzas con duras penas.

A súa causa foi sobresida e pouco tempo despois da detención quedou en liberdade, máis os anos derradeiros da súa vida padeceu penalidades de todo tipo, mesmo de subsistencia, e a súa memoria quedou borrada da historia ata o punto de non sabermos documentalmente a día de hoxe onde se sepultaron os seus restos.

Co monumento que se proxecta, que se situará cabo do doutro referente fundamental para a memoria cívica de Mondoñedo e de toda Galicia, Manuel Leiras Pulpeiro, preténdese honrar o bo nome dun home xeneroso, o primeiro alcalde de Mondoñedo da breve etapa democrática da II República, e un combativo defensor pola democracia e as liberdades.

Exit mobile version