Site icon Crónica3.com A Mariña

O BNG recolleu sinaturas en Ribadeo en apoio á ILP en defensa da atención primaria

Este xoves estarán desde ás 10 en Foz no Centro de Saúde

A Mariña, mércores 5 de xaneiro 2022. Ao longo da mañá do mércores 4 de xaneiro toda a veciñanza de Ribadeo tivemos ocasión de mostrarmos o noso apoio á sanidade pública reclamando unhas prestacións sanitarias de calidade coas que se pense máis na xente que en intereses espurios do gran capital que lle botou o ollo ao sistema sanitario público.

A situación da atención sanitaria en Ribadeo non mellorou. Levamos máis de un ano co cadro médico do centro de saúde mermado, nunca completándose máis dos dous tercios. Nos últimos días do ano repetiuse a situación do verán: tres médicas para a atención xeral, a da mañá. A isto hai que engadir que desde a xubilación da matrona, este posto só está cuberto algún día da semana.

O BNG sempre defendeu a sanidade pública. Desde Ribadeo, a nosa organización tense sumado ás iniciativas encamiñadas a defendela e reivindicou en varias ocasións a potenciación do sistema sanitario galego. E neste mércores solicitámos a todos os veciños e veciñas a súa sinatura en apoio da ILP que impulsou a plataforma SOS-Sanidade Pública e a Plataforma en Defensa da Sanidade Pública da Mariña, para recuperar e afortalar a atención primaria.

Cremos que a sanidade pública deféndese proporcionando ao seu persoal medios suficientes para desempeñar o seu labor e as condicións laborais necesarias para unha atención eficaz. Deféndese investindo diñeiro nela e cubrindo os postos de traballo. Pero para iso hai que crer na sanidade pública, cousa que o señor Rueda e o seu goberno non fan.
E como cidadáns e cidadás responsábeis, que sabemos que só a través da participación na vida pública se consegue dar solución aos nosos problemas, este mércores, no mercado, puxemos o noso gran de area apoiando coa nosa sinatura esta iniciativa lexislativa popular na procura dunha sanidade pública de calidade.

Coa citada iniciativa lexislativa preténdese garantir por lei a mellora da estrutura e funcionamento dos centros de saúde, urxencias extrahospitalarias e servizo de ambulancias; rematar coas listas de agarda en primaria; asegurar a presencialidade e calidade na atención; dotar de autonomía de xestión á Atención Primaria; posibilitar e fomentar a participación cidadá, ou tamén proporcionar unha atención sanitaria en igualdade eliminando a fenda de xénero na atención sanitaria.

Agradecemos a toda a veciñanza de Ribadeo o apoio mostrado a esta ILP que será debatida no Parlamento galego.

Exit mobile version