Site icon Crónica3.com A Mariña

O Concello de Barreiros solicita a Medio Ambiente unha xuntanza sobre o lobo

Barreiros, 26 de xaneiro de 2023. O Concello de Barreiros vén de dirixir un escrito á Consellaría de Medio Ambiente para solicitar do departamento autonómico que envíe persoal do mesmo ao municipio para celebrar unha reunión coa veciñanza na que se informe sobre as medidas a adoptar no caso de ataques de lobos.

Ante a proliferación de ataques a gando nas últimas semanas e vendo o desconcerto existente entre a poboación, a alcaldesa, Ana Ermida, dirixiu un escrito á Consellaría de Medio Ambiente da Xunta de Galicia e á Xefatura Territorial en Lugo no que traslada a existencia de ataques de lobo no municipio e o desconcerto da poboación, xa que “esta situación, moi habitual noutras zonas do País, é novidosa e excepcional ata este momento no caso do noso municipio. E máis, porque a zona onde se teñen producido estas actuacións é a zona costeira, amplamente habitada e urbanizada. Porén, parece confirmada a existencia deste animal nas proximidades e, no mesmo sentido, a autoría dos ataques por dita especie”.

A rexedora manifesta que “sendo conscientes de que estas situacións poden ser habituais noutros puntos xeográficos galegos, o feito de que se produzan en Barreiros está a causar desconcerto, alarma e, en moitos casos, desesperación das persoas afectadas; ao non atopar respostas da administración na súa burocracia institucionalizada.” E insiste en que “o pouco habitual que é esta situación e que se estea a producir desde tempos recentes, tamén implica en moitos casos un descoñecemento das posibles actuacións ou mesmo da axuda que poden recibir as persoas afectadas de cada administración”.

Por estas razóns e “sendo conscientes de que o tema é complexo, consideramos necesario que a Consellaría de Medio Ambiente, como administración con competencia directa no tema, poida informar directamente á veciñanza da nova situación existente, das consecuencias e das actuacións que se poden levar a cabo por cada parte implicada”.

Por esta razón, veñen de cursar un convite para asistir a unha reunión coa veciñanza na que poidan resolver dúbidas e a Xunta de Galicia poida explicar de xeito fidedigno a situación e modo de actuar, así como recoller as inquedanzas e/ou resolver dúbidas da veciñanza en xeral e das persoas afectadas. Neste sentido o Concello de Barreiros ponse a disposición da administración galega para organizar un encontro público no que poida acudir persoal técnico da Consellería para tratar esta cuestión.

Exit mobile version