Site icon Crónica3.com A Mariña

O Concello de Viveiro aclara que os problemas técnicos de conexión no pleno deste martes “son un feito illado” e a sesión suspendeuse para solventar as incidencias

Viveiro, 11 de xaneiro de 2023. No día de onte tivo lugar a celebración do pleno ordinario do mes de xaneiro, no que, igual que sempre, dende a pandemia, se permitiu a participación telemática por parte dos concelleiros, co fin de facilitar a súa asistencia. Neste pleno participaron telematicamente dous concelleiros, unha delas a voceira do BNG.

Ao inicio da sesión plenaria, detectáronse problemas de conexión, que impedían a comunicación entre os concelleiros presentes e os que participaban telematicamente. Solventada inicialmente esta cuestión, deu comezo o pleno e durante o tratamento do primeiro punto da orde do día non se produciron incidencias.

Chegado o segundo punto, a Concelleira do BNG manifestou que non podía escoitar as intervencións dalgúns concelleiros. Ante esta circunstancia, por parte da Alcaldesa, sen que ninguén o solicitase e como unha medida para garantir o desenvolvemento do pleno con total normalidade, decisiuse suspender a sesión para solventar as incidencias de conexión, pospoñendo a súa celebración.

Tendo en conta as declaracións manifestadas ao respecto tanto pola propia voceira do BNG, como polo voceiro do PP, nas que se vincula este problema técnico de conexión entre os participantes do pleno coa retransmisión dos plenos, cómpre realizar varias aclaracións.

O problema de conexión entre os participantes que sucedeu no día de onte foi un feito totalmente illado. Dende a pandemia é habitual a conexión telemática por parte dalgún concelleiro, sen incidencias de conexión relevantes, como a acontecida no día de onte, ata o momento.

Nada ten que ver este problema de conexión coa retransmisión dos plenos. Somos conscientes das deficiencias que algunhas veces se producen no son das retransmisións, pero é evidente que se trata de cuestións diferentes. O Concello de Viveiro vén retransmitindo os plenos, como mostra de transparencia, cos medios propios dos que dispón, sen tratarse dunha cuestión obrigada.

As sesións plenaria son públicas e calquera veciño ou veciña que o desexe pode asistir; son totalmente transparentes e o goberno municipal nada ten que ocultar. Por este motivo, non se entenden as declaracións realizadas ao respecto da suspensión deste pleno por parte do BNG e do PP, nas que se utiliza este feito illado para sacar rédito político e acusar de falta de transparencia ao goberno municipal.

As sesións plenarias son a expresión máxima da corporación municipal, concebidas para o debate político e a adopción de acordos en prol da cidadanía, non para o uso mediático como vén facendo nos últimos tempos a voceira do BNG. Os plenos merecen o máximo respecto e, pola contra, as últimas sesións, coas actuacións da voceira do BNG distan moito do respecto merecido.

Exit mobile version