Site icon Crónica3.com A Mariña

O Concello de Viveiro apoia a concentración en defensa da sanidade pública da Mariña convocada para o 19 de xaneiro

Viveiro, 11 de xaneiro de 2023. O Concello de Viveiro súmase ás reivindicacións da Plataforma na Defensa da Sanidade Pública da Mariña, que ven de convocar unha manifestación para o vindeiro xoves, 19 de xaneiro, ás 20:00 horas en Burela.

A mobilización, que sairá dende o Hospital da Mariña e percorrerá as rúas principais da localidade ata chegar á Praza do Concello, responde ao lema “Contra o desmantelamento da sanidade pública”, poñendo o foco nos graves problemas que afectan aos veciños e veciñas da comarca dende hai tempo e que se agravan máis aínda tras a supresión da Área Sanitaria.

“Dende o Concello de Viveiro animamos á veciñanza a participar nesta mobilización para a defensa dos nosos intereses nun tema tan importante como é a saúde. Temos que saír a defender a nosa sanidade pública e denunciar a falta de médicos de atención primaria e de pediatras”, subliña a alcaldesa, María Loureiro.

O Concello de Viveiro sofre especialmente a falta de pediatras. Nos últimos días, os máis de 1.800 nenos e nenas de entre 0 e 15 anos dos municipios mariñanos de Viveiro, O Vicedo e Ourol volveron quedar sen especialistas na súa atención, trala xubilación dun dos médicos asignados ao centro de saúde da vila e á baixa doutro compañeiro.

Isto únese a falta de médicos de familia, que obriga ás persoas a acudir aos servizos de urxencias colapsándoos ou obrigándoos a facer uso de servizos privados para solucionar os seus problemas. Tamén o ámbito hospitalario sofre atrasos de ata dous ou tres anos para certas consultas ou probas diagnósticas.

Dende o grupo de goberno viveirense animan á veciñanza a unirse a esta manifestación do próximo xoves día 19 para reclamar “unha sanidade universal, gratuíta, equitativa, de proximidade e de calidade”.

Exit mobile version