Site icon Crónica3.com A Mariña

O Presidente da Deputación valora o investimento de 3,56M€ que fará o Goberno do Estado na N-642 ao seu paso por Foz para mellorar a mobilidade na Mariña

José Tomé asistiu este venres á visita que fixo a Secretaria de Estado de Transportes, Mobilidade e Axenda Urbana á localidade para explicar os proxectos: dúas novas rotondas en Cangas, o terceiro acceso ao núcleo urbano focense e unha reforma no desvío cara a LU-152

Lugo, 13 de xaneiro de 2023. O Presidente da Deputación de Lugo, José Tomé Roca, asistiu este venres á visita que realizou a Foz a Secretaria de Estado de Transportes, Mobilidade e Axenda Urbana, Isabel Pardo de Vera, para explicar os novos proxectos que acometerá o Goberno do Estado na estrada N-642 ao seu paso por este municipio cun investimento total de 3,56M€ para mellorar a mobilidade na Mariña. En concreto, trátase da construción de dúas novas glorietas na N-642, o terceiro acceso de Foz e unha reforma no desvío cara a LU-152.

José Tomé puxo en valor “o importante compromiso” que demostra o Executivo central coa comarca mariñana impulsando estas actuacións nun encontro no que participou o Alcalde de Foz, Francisco Cajoto Caserío, o Delegado do Goberno en Galicia, José Miñones, a Subdelegada do Goberno en Lugo, Isabel Rodríguez, e alcaldes e alcaldesas da Mariña.

O Goberno construirá dúas novas glorietas na N-642 ao seu paso por Cangas de Foz, que servirán por unha banda para aliviar o tráfico que se desvía cara Alfoz e O Valadouro e tamén para as persoas que acceden cara o centro cívico, o cemiterio e a igrexa desta parroquia focense. Serán nos puntos quilométricos 39,910 e 40,970.

Ademais, o Executivo acometerá unha reforma no acceso que comunica a N-642 coa LU-152, outro acceso onde o tráfico se desvía cara Alfoz e o Valadouro. Habilitaranse carrís de espera no centro da vía para evitar as importantes retencións que se producen na Nacional, sobre todo nas horas puntas do verán.

O Presidente valorou moi positivamente estas novas actuacións que redundarán na seguridade viaria da veciñanza da Mariña, pero tamén dos visitantes que transitan por esta arteria de comunicación que enlaza por estrada a comarca pola costa.

Terceiro acceso a Foz co apoio da Deputación
O Executivo do Estado ten en fase de redacción o proxecto para realizar o terceiro acceso a Foz dende a N-642, na variante, un feito que “mellorará notablemente a accesibilidade ao núcleo da localidade porque se fará unha entrada a Foz máis homoxénea ao tráfico de entrada e saída ao núcleo, sendo importante para a localidade sobre todo nos meses de verán, cando a poboación se multiplica de xeito exponencial”, afirmou o Presidente. Vaise facer á altura do quilómetro 32,2, conectándoa coa estrada provincial LU-P-2009, pola rúa de Costa do Castro, a contorna do cemiterio e o barrio de Marzán, onde a Deputación vén de facer importantes obras de humanización e mellora do firme.

O mandatario provincial salientou que esta obra do Ministerio se complementa coa que financiou a Deputación na propia rúa Costa do Castro cun investimento de medio millón de euros a través dun convenio co Concello. As actuacións consistiron na mellora do firme e a construción de beirarrúas, soterrando o tendido eléctrico e dotando o percorrido de alumeado público que combine a calidade lumínica e a eficiencia enerxética.

“Forma parte da nosa política de humanizar, urbanizar e de impulsar iniciativas sostibles dándolle un maior protagonismo aos peóns, á vez que conviven co tráfico rodado, e neste caso fíxose coa vontade de complementar a obra que vai realizar o Goberno estatal para construír esta terceira entrada á vila ao conectar a N-642 co barrio de Marzán”, afirmou Tomé Roca. Nese sentido, puxo o foco en que a urbanización da rúa Costa do Castro supuxo unha mellora de primeira orde en canto á mobilidade na trama urbana de Foz, ao se tratar dunha rúa que comunica Marzán e a Avenida Álvaro Cunqueiro, unha das arterias principais da localidade.

Colaboración entre administracións
Nas súas palabras, Tomé Roca, subliñou que estas actuacións “son un exemplo de colaboración entre administracións, entre a Deputación, o Concello e o Goberno de España, pero tamén demostra a boa xestión e a planificación do Concello de Foz con Francisco Cajoto na alcaldía, que traballa para avanzar na mellora das comunicacións, e polo tanto, na mellora da calidade de vida dos seus veciños e veciñas”.

De feito, lembrou que a Deputación e o Concello de Foz colaboran para mellorar a mobilidade e a accesibilidade de varias rúas que conectan o centro da vila cos comercios, coa praia da Rapadoira e a zona de hostalaría. A achega da Deputación representa máis do 70% do investimento necesario para sacar adiante esta actuación, á que o Concello dedica 224.000€, polo que o importe total ascende a preto de 800.000€.

Este proxecto, que comezará nas vindeiras semanas, mellorará a acesibilidade das rúas Eduardo Pondal, Salvador de Madariaga, Irmandiños, Curros Enríquez e á Praza de Galicia. Contempla a construción de beirarrúas anchas, de dous metros, e a conversión das vías de dobre sentido a unha de sentido único en dirección á zona de praia cunha calzada compartida entre vehículos e bicicletas, con pasos de peóns elevados para calmar o tráfico. Na Praza de Galicia está previsto deixar unha plataforma única delimitada só para residentes.

Polo tanto, asegurou o Presidente, “falamos de importantes actuacións que supoñen un salto cualitativo na mellora dos servizos públicos e da mobilidade neste concello e, como tal, beneficiará a calidade de vida dos veciños e veciñas, e a actividade das empresas e o turismo”.

Máis de 3M€ da Deputación en Foz
O Presidente enmarcou estes proxectos na “cooperación, intensa e continua, que mantemos co Concello de Foz para que poida ofrecer máis e mellores servizos ós seus veciños”, apuntando que esta colaboración “traduciuse nun investimento que supera os 3M€ da Deputación no municipio mariñán, só no que vai de mandato, para obras e servizos necesarios para os veciños e veciñas”. Avanzou así mesmo que “vamos a seguir nesta liña, traballando e colaborando co Concello de Foz e con todos os concellos da provincia na medida das posibilidades da Deputación, sen mirar cores políticas, senón sempre ao servizo da xente”.

Exit mobile version