Site icon Crónica3.com A Mariña

O Ministerio de Transportes anuncia inversións de 3,56M€ para a mellora da mobilidade en Foz

Foz, 13 de xaneiro de 2023. O alcalde de Foz, Fran Cajoto, recibiu á Secretaria de Estado de Transportes, Isabel Pardo de Vera, que, en compaña do Delegado do Goberno, do Presidente da Deputación, da Subdelegada do Goberno, dos alcaldes do Valadouro e Alfoz e concelleiros de goberno, anunciou a próxima inversión de 3,56 millóns para a construción das rotondas de Cangas, do terceiro acceso a Foz e da mellora da intersección da Corredoira coa estrada a Ferreira.

Fran Cajoto manifestou: “estamos máis que satisfeitos co resultado do traballo de toda unha lexislatura, que se está comezando a materializar. Teño que agradecer as palabras da Secretaria de Estado Isabel Pardo de Vera, que sempre nos recibiu con gran cordialidade e entendeu como prioritarias para o Ministerio unhas actuacións que van mellorar enormemente a seguridade viaria e a accesibilidade das veciñas e veciños. A construción das rotondas de Cangas é fundamental para a conectividade da Gralleira e Ribela e para eliminar o punto negro no que se converteu o enlace coa estrada a Ferreira no entorno do Centro Social de Cangas”. Respecto a isto, o alcalde destaca as palabras da Secretaria de Estado, que “se comprometeu non só coa visita senón tamén cos feitos, xa que en próximas datas se publicará a aprobación definitiva despois das alegacións e darán comezo as expropiacións e posterior licitación das obras. Outra intersección máis que complicada é o cruce da Corredoira, especialmente para as veciñas e veciños de Vilaronte, San Martiño, Santa Cilla e San Acisclo, que teñen neste punto o seu acceso natural. Queremos agradecer tamén o impulso ao acceso Foz Centro, cunha inversión prevista de 2,59 millóns de euros e que inclúe un ramal que conectará no cemiterio coa recentemente estreada urbanización da rúa Costa do Castro”.

O alcalde engadiu que “este é o resultado do esforzo e colaboración entre administracións, pensando nas veciñas e veciños tanto das parroquias como do casco urbano e na súa mellora da calidade de vida. Foz estase transformando, cun crecemento que ten que ser sostible e sostido no tempo e debemos estar á súa altura”.

Cajoto rematou comentando que “nun día cunha gran nova coma esta o pensamento está co noso veciño de Cangas desaparecido, do que aínda non temos novas. Quero agradecer o esforzo que todas as forzas de seguridade, agrupacións de voluntarios e veciños están a facer para obter algunha pista. O noso maior apoio á familia nuns momentos tan difíciles”.

Exit mobile version