Site icon Crónica3.com A Mariña

O Pescados Rubén suma unha xornada máis

Nun dos encontros máis complicados da tempada, contra o Alzira na súa pista, o Burela empata e mantén o segundo post

Sábado 28 de xaneiro. Ás 19.00 horas desta tarde, no Palacio dos Deportes de Alzira disputouse o encontro Family Cash Alzira FS – Pescados Rubén Burela FS, que repartiu 1 punto a cada equipo tras empatar 3-3 nunha das pistas máis difíciles da categoría, cun público feroz, que aperta, e un rival que tamén presiona e se ve aroupado pola súa afección.

Nunha primeira parte moi boa do Burela FS, do mellor que fixeron esta tempada, póñense no 3-0 con certa comodidade. Tras varias oportunidades entre elas de Eloy e Pazos nos minutos 3 e 8, comeza subindo o marcador Pitero no minuto 9. No 13 Alberto Mirás consegue o 0-2 e tras varias oportunidades, de novo de Pazos no 13 e Antón no 16 tras un gran control, chega o 0-3 con Isma desde o segundo pau. Na última xogada da primeira parte, tras unha perda de Eloy chega o primeiro gol de Naranjo, o 1-3, e o descanso.

Na segunda metade os dous equipos mantivéronse máis igualados. No minuto 24 outra perda do Burela non forzada, nun pase horizontal de Antón, permite a Naranjo conseguir o 2-3. A partir de entón o Pescados Rubén non consegue manter a firmeza que mostra durante a primeira parte, debido sobre todo á presión das bancadas. Procurando manter a defensa ante a presión do Alzira que lles obriga a tentar manter un pouco máis a pelota e non ser tan verticais, o equipo burelés recibe o 3-3 nun saque de estratexia rápido, unha volea de Rubi, no minuto 31. Ningún dos dous equipos recorre ao porteiro-xogador e o resultado mantense 3-3 ata o final do encontro.

Os pícaros de David Rial volven a Burela contentos co punto que os mantén na segunda praza, e tras o tamén empate do Parrulo contra o Barça Atlétic mantense tamén a distancia ante o equipo ferrolán. A próxima semana esperan a outro rival complicado, o Sala 10 Zaragoza, que tamén vén de empatarlle ao Leganés e que vai 6º na clasificación. A pesar da longa viaxe desde Valencia, moitos asistirán mañá a animar ás súas compañeiras que xogan a final da Supercopa de España Feminina en Vista Alegre.

Ficha Técnica

Family Cash Alzira FS: Porki (P), Rubi, Parreño, Peiró, Castejón (C) – cinco inicial -, Joan, Carlitos, Pedro, Javi Sena, Naranjo, Palacín, Gabri Pastor, Gustavâo, Serra (P)

Pescados Rubén Burela FS: M. Kaluza (P), Pitero, Isma, David Pazos, Eloy, – cinco inicial- Lucho, Nando, Rikelme, Alberto Mirás, Antón Arnejo, Bruno (P).

Goles: Min.9 Pitero 0-1; min.13 Alberto Mirás 0-2; min.18 Isma 0-3; min.19 Naranjo 1-3; min.24 Naranjo 2-3; min.31 Rubi 3-3.

Equipo Arbitral: Antonio Nicolás Navarro, Antonio González Blaya, Jorge Sanclemente Elvira, Albert Mir Guillamon.

Exit mobile version