As obras paradas causan molestias tanto aos peóns como aos automobilistas
No PP lembran que os traballos levan parados dende finais de decembro, cando, por un motivo ou por outro, a Deputación tivo que poñer mans á obra para incluír no proxecto o saneamento. Os populares esixen ao goberno provincial que faga os cambios necesarios coa maior rapidez posible, porque os veciños sofren as consecuencias da paralización dos traballos. As molestias alcanzan tanto aos peóns como aos usuarios de vehículos.
Os populares destacan que as melloras nesta estrada tiñan que estar rematadas a finais de febreiro e indican que, coa paralización, vai ser moi difícil que se cumpran os prazos iniciais. En todo caso, lamentan a falta de previsión da Deputación á hora de encargar o proxecto técnico e instan a José Tomé, como máximo responsable das estradas provinciais, a que tome nota e non se repita o mesmo problema en próximas ocasións.