Site icon Crónica3.com A Mariña

O PP de Ribadeo alerta do estado no que se atopan as estradas provincias, cunha necesidade urxente de pavimentado novo e pintura

As estradas máis afectadas son a de Arante, a que comunica con Trabada, a de Santalla de Vilaosende, a da Devesa e a de Vilela

Ribadeo, 25 de xaneiro de 2023. As estradas provincias, competencia da Deputación, atópanse nunha situación de total abandono, con fochancas e un pavimentado moi malgastado. O voceiro do grupo municipal popular de Ribadeo, Dani Vega, explica que “hai un malestar entre os veciños de Ribadeo, e tamén un gran malestar por parte deste grupo, polo estado no que se atopan as estradas da Deputación”. Desde o grupo municipal popular aseguran que a Deputación de Lugo non se preocupa por investir e resolver un problema “que non é de agora, se non que levamos moitos anos coa necesidade dunha inversión para estas estradas”.

Vega destaca que as estradas presentan un firme notablemente deteriorado que, sumado as fochancas xa existentes, constitúen un risco para os seus usuarios. Por iso, o voceiro subliña que “todos sabemos como está a estrada de Arante, a que nos comunica con Trabada, a estrada en Santalla de Vilaosende ou as estradas que ten a Deputación na costa, como é a da Devesa. Todas estas estradas teñen unha falta clara de investimentos”.

“Na estrada de Vilela recortouse o presuposto, o que implica que non se vai a facer o que estaba contemplado no proxecto e sen dar ningunha explicación aos veciños nin aos grupos municipais. Nos pedimos en pleno que se investira nesta estrada porque necesita urxentemente un novo pavimentado e pintar as liñas que separan os carrís xa que agora mesmo non existen, pero sempre son desculpas absurdas que faltan á verdade en vez de esixir solucións á Deputación”, engade Dani Vega.

Neste sentido, desde o grupo municipal sorprende a actitude de pasotismo do goberno do BNG, que ante a falta de inoperancia por parte dos seus compañeiros da Deputación de Lugo non se pronuncia. “Por que non lles esixe un orzamento para resolver estes problemas que levamos moito tempo reivindicando en Ribadeo? Como están no goberno da Deputación están máis cómodos nos sillóns e nos coches oficiais que na defensa de Ribadeo. É máis fácil repetir moitas veces slogans que non se concretan en nada e defender as súas siglas que defender aos veciños e veciñas” di Vega.

Por outra banda, os populares pregúntanse que pasaría se estas estradas dependeran ou foran competencia doutras administracións e non do goberno provincial. “Sabemos todos o que ocorrería, fotos, cartas e vídeos queixándose, pero como no goberno da Deputación está o BNG e o PSOE hai un silencio absoluto. Por iso, seguiremos levando a pleno esta situación e reivindicando un investimento para mellorar as nosas redes viarias” recalca Dani Vega.

Exit mobile version