Site icon Crónica3.com A Mariña

O temporal deixa múltiples incidencias en Viveiro

Viveiro, 18 de xaneiro de 2023. O Concello de Viveiro quere informar a todos os seus veciños e veciñas das incidencias que houbo ao longo destes días por mor do temporal. As consecuencias das fortes chuvias e ventos na comarca desencadearon en danos materiais pero, afortunadamente, non provocaron danos persoais.

“Agradecemos a colaboración da veciñanza nestas zonas afectadas polo temporal e dende o Concello de Viveiro mantemos o dispositivo activo nunha acción coordinada entre a Alcaldía, Protección Civil, Policía Local e o Servizo de Obras”, subliña a alcaldesa María Loureiro. “En caso de calquera incidencia, os veciños e veciñas poden chamar e de seguida serán atendidos por membros deste dispositivo”, engade a rexedora.

Neste momento, o litoral de Lugo atópase en alerta laranxa por costeiros e A Mariña está en alerta amarela por vento.

Nos últimos días, con motivo do temporal, no Concello de Viveiro producíronse diversas incidencias polo incremento do nivel do caudal dos ríos, que afectou a vías de circulación tanto de titularidade municipal como autonómica e provincial.

Como consecuencia destas enchentes, procedeuse a realizar os cortes deses viais, por exemplo, na LU-161, na zona de Landrove, San Pedro e Chavín, así como tamén en zonas de Galdo, Celeiro, Area e Covas.

Tamén se produciron, a raíz das chuvias e do vento, desprendementos de taludes de terra e caídas de árbores que afectaron aos viais nas zonas de Vieiro, Celeiro e Santo Albites; houbo, así mesmo, algún aviso de desprendementos de elementos de fachadas de inmobles de titularidade privada.

Ademais, na estrada de Galdo, á altura de Portochao, foi preciso auxiliar aos dous ocupantes dun vehículo que quedaron atrapados ao atoparse o vial parcialmente inundado pola crecida do río Landro.

Con motivo da alerta por temporal, nos operativos da Policía Local reforzáronse os servizos nas quendas das noites de luns a martes e de martes a mércores e tívose en vixilancia os viais de circulación para garantir a seguridade vial, en colaboración con voluntarios de Protección Civil.

Por parte de Protección Civil, na noite do luns ao martes, reforzouse o servizo con seis voluntarios dende as 22:00 ata as 3:00 horas, que estiveron traballando xunto co persoal do Servizo Municipal, quedando unha patrulla de retén, para atender posibles incidencias, ata as 8:00 horas, cando se incorporou o persoal do Servizo.

Exit mobile version