Site icon Crónica3.com A Mariña

Os senadores do PP tamén esixen explicacións ao Goberno sobre o incidente na N-642 e urxen a concretar prazos para a construción da autovía A-74

O PP lucense demanda dende as distintas cámaras inversións ao Goberno central nas infraestruturas viarias da Mariña

Lugo, 25 de xaneiro de 2023. Os senadores do PP lucenses seguen de preto a situación que se vive na Mariña trala greta rexistrada na N-642 que supuxo o peche ao tráfico dun tramo durante a fin de semana e a posterior apertura dun único carril regulado por semáforo á altura do acceso á localidade de Burela. Nese sentido, esixen explicacións ao Goberno de Pedro Sánchez sobre as causas do incidente rexistrado nese punto da principal vía de comunicación da comarca que supuxo importantes prexuízos aos veciños e veciñas e insisten na necesidade de que o Executivo dea pasos firmes na construción da autovía da Mariña, a A-74.

Os senadores xa teñen advertido en numerosas ocasións o atraso nas obras debido á redución das partidas económicas consignadas nos PGE que o Goberno de Sánchez aprobou nos últimos anos ignorando as emendas presentadas polo Partido Popular para favorecer o avance do proxecto desta vía. “O Partido Popular esíxelle ao Goberno un compromiso claro con esta infraestrutura e, polo tanto, coñecer os prazos previstos para a construción da autovía”, indican.

Do mesmo xeito, dirixen ao Executivo dende a cámara alta preguntas sobre os prazos previstos para a restitución da normalidade na estrada nacional N-642 de forma que se garanta o tráfico de vehículos en condicións de seguridade tendo en conta que “esta vía é conecta co Hospital da Mariña, o porto de San Cibrao, os portos de Burela e Celeiro; ademais de ser fundamental para moitas empresas da zona coma as madeireiras, por exemplo”.

INICIATIVAS DENDE AS DISTINTAS CÁMARAS

O PP lucense tense interesado pola situación e tamén urxen -dende as distintas cámaras- solucións e inversións ao Goberno central para as infraestruturas viarias da comarca.

Os deputados presentaron iniciativas no Congreso interesándose sobre as causas, as actuacións previstas e a seguridade dos usuarios ao longo de toda a vía N-642. O Grupo Popular a través do deputado mariñán e portavoz de Infraestruturas, José Manuel Balseiro, reclamou que o Ministerio de Transportes active un plan anual de conservación das estradas de titularidade estatal, simular ao que xa ten a Xunta de Galicia porque “as estradas nacionais son básicas para garantir a mobilidade dos galegos”. E o Grupo Provincial Popular levará ao pleno da Deputación de Lugo do vindeiro martes unha proposta para instar ao Goberno de Pedro Sánchez a “que aposte dunha vez polas infraestruturas viarias nacionais na provincia”.

Exit mobile version