Site icon Crónica3.com A Mariña

“Soamente son mulleres asasinadas, non hai que apurarse”, por Marta Rodríguez Engroba

Non teño palabras.
Non nas atopo, nin francamente, teño moitas ganas de pronuncialas, porque non son quen de describir a mestura de sentimentos que teño dentro de min.

Dor, carraxe, indignación, e por que non dicilo, certa incredulidade, e non sei se comprobar que aínda conservo algunha é unha boa nova, ante o miserento da condición de algúns mal chamados seres humanos.

As semanas de Nadal, como xa vimos dicindo en días precedentes, foron especialmente tráxicas en canto a violencia machista, algo do que, e non nos gabamos disto, se non todo o contrario,o dicimos con enorme tristura, alertamos por enésima vez desde Si, hai saída que sucedería.

Era, é, unha cuestión de pura lóxica dadas as faltas de actuacións e as enormes eivas na protección das vítimas e no seguimento dos agresores.

Comezou o 2023, e se o acontecido anteriormente foi arrepiante, a sanguenta marca cando transcorreu pouco mais dunha semana deste inicio do ano , con, ata agora, 4 mulleres asasinadas nun so día e un 5º caso no que a muller, afortunadamente, sobreviviu, sobrepasa xa o límite do dantesco.

O horror no seu estado mais puro e cruel, e, ao mesmo tempo, a demostración mais palpable da hipocrisía, da mala fe, dos intereses e da montaxe indecente que existe arredor desta mal chamada loita contra a violencia machista.

En primeiro lugar, temos un goberno, e mais concretamente, un ministerio de Igualdade, que, malia estar mais que demostrado que, desde que chegaron ao poder, a violencia de xénero non deixa de medrar e medrar, e isto é un feito irrefutable, non toma ningunha medida real ao respecto, agás aquelas cosméticas, que, como todos os cosméticos, os seus efectos, as poucas horas de aplicalos, desaparecen

Seguen sen abordar a raíz do problema, semellando ser xordos e cegos, xa que calquera, por moi alleo que sexa a este tema, advertiría que na maioría destes tráxicos casos existían antecedentes por violencia de xénero, pero o que non existía era protección para as vítimas, nin seguimento aos agresores.

Queda claro a onde hai que mirar, non si? malia que siga sen facerse, porque mesmo o goberno rexeita mencionar nada que teña que ver cos uniformes,malia que as evidencias están, por desgraza,mais que claras.

Están moito mais preocupados nas estatísticas, en confirmar se as mulleres asasinadas e os seus asasinos eran ou non parella, ou se se deitaran xuntos soamente esa noite, porque, en función disto, se inclúen nesas estatísticas ou non, e se condena ese crime ou non, porque ata para ser asasinadas hai categorías, e as vidas dalgunhas mulleres contan, polo que se ve, mais que outras.

Nin rastro, nin sequera mención, ata a tardiña do Luns desas programadas xuntanzas urxentes entre responsables de ministerios directamente implicados nesta lacra, porque as vacacións son sagradas, e, cun chío, como moito, trámite cumprido.

Ademais, a nosa ministra está moi ocupada publicando os seus para ensinar, por exemplo, as acuarelas asexuadas que os reis lle trouxeron aos seus fillos, que hai prioridades.

Por outra banda, temos as consabidas “pseudofeministas” de sempre, moitas delas as que, malia dicir coa boca pequena que renegan do Nadal e de canto rodea a estas festas, nos agasallaron coas fotos entrañables claramente contraditorias co seu discurso, e ese é o problema, non que as festas lles gusten ou lles deixen de gustar, se non as súas mais que frecuentes contradicións, segundo lles conveñan, no que este tema é un mais, lles troxo absolutamente ao pairo a sucesión de asasinatos machistas que se deron nesas datas, pero na noite do Domingo xa asomaban polas redes, dándonos a todos e a todas leccións de feminismo, de sororidade, falando de alertas machistas, e culpando de todo ao patriarcado, que non dicimos que non sexa certo, pero tamén o que viste uniforme e que elas, o mesmo que o goberno, non semellan decatarse de que existe.

As mesmas que, en non poucas ocasións, nesas mesmas redes nas que saíron agora, concretamente a partir do 9 de Xaneiro, a adoutrinarnos, porque as pobres, na sua inocencia se ve que creron que os asasinos de mulleres tamén colleran vacacións no Nadal, teñen manifestado mais dunha vez, de dúas e de tres, ter coñecemento ou mesmo ter sido testemuña, dalgún caso de violencia machista, decretando “alerta feminista”, pero sen dignarse a coller un teléfono para chamar a policía, nin moito menos, por suposto!, presentar unha denuncia.

Elas, de postas a denunciar, son mais de denunciar a berros ao sistema, malia que moitas vivan tan ricamente del, ou aos xuíces, que, segundo elas, teñen a culpa de practicamente todo.
Ademais, abondo teñen con saír a rúa as dúas datas marcadas en lila no seu calendario, ou cando algún asasinato machista se comete practicamente na porta da casa, e hai que saír na foto, que é o seu.

Pero agora si, agora, de súpeto, todo o mundo que antes pasou do tema, mentres mulleres e mais mulleres eran asasinadas, van aparecer, consternados e consternadas, que é un termo que viste moito, nos medios….ah, perdón, e consternades, que o esquecía, que o prioritario é o prioritario.

Comezarán tamén os debates televisivos nos que os “expertos” de sempre, certos políticos incluidos, nos contarán o que xa sabemos de sobra, pero que eles e elas descubriron tras os seus últimos e exhaustivos estudos, concretamente os que fixeron desde o Domingo pola noite e aseguraranse de que os avalan representantes deses chiringuitos aos que subvencionan xenerosamente e que, obviamente, van dicir o que eles queren oir e precisan que se oiga, para o cal se lles facilitou hai tempo o guión.

Que teñan ou non experiencia real en violencia de xénero é o de menos.
Que saiban ou non do que falan, irrelevante, como irrelevante é o dano que poidan causar lanzando mensaxes que non teñen pes nin cabeza, pero polos que cobran xenerosamente.

Mañá, pasado, como moito o Xoves, xa ninguén se lembrará das, ata agora, últimas vítimas, ata que unha nova quenda, que, por desgraza, haberá, traia de novo o tema a actualidade por uns días.

Aínda segue habendo quen precise que lle expliquen por que a violencia machista non deixa de medrar?????.

Marta Rodríguez Engroba
Asociación Si, hai saida

Exit mobile version