Site icon Crónica3.com A Mariña

Touriñán chega este sábado con ‘Recortes’ a Burela: fútbol, música e humor sobre as táboas

O espectáculo teatral, baseado na última investigación de Nacho Carretero, estará na Casa da Cultura de Burela o 7 de xaneiro. Sobre o escenario sairá a xogar un elenco de primeira, capitaneado por Touriñán e dirixido por Tito Asorey

A Coruña, 2 de xaneiro de 2023. Ademais dos Reis Magos esta semana chegará a Burela Recortes, caneos e outras formas de driblar. Están a piques de se esgotar xa as entradas para este espectáculo espectáculo, protagonizado por Xosé A. Touriñán e dirixido por Tito Asorey, que mestura teatro, fútbol, humor e incluso música. O sábado 7 de xaneiro pasearán sobre o escenario da Casa da Cultura as historias máis descoñecidas e escuras do ‘deporte rei’, as que descubriu na súa última investigación Nacho Carretero.

Recortes vén de percorrer boa parte de Galicia dende a súa estrea en Santiago o pasado setembro, atraendo novos públicos ao teatro con esta orixinal mestura de fútbol e artes escénicas. Tras a función en Burela, as localidades polas que continuará a xira do espectáculo son Lugo, Vilagarcía, A Coruña e Ferrol. As entradas están á venda na web recortes.gal, onde tamén se pode atopar toda a información sobre o espectáculo.

O elenco de Recortes compóñeno Xosé A. Touriñán, Manuel Cortés, Christian Escuredo, Xoán Fórneas, Isabel Garrido e Sergio Zearreta. Un equipo de primeira que aínda sendo seis xogarán un partido histórico en Burela. Farán de xogadores, adestradores, directivos, seareiros, xornalistas e moitos outros personaxes para ilustrar o microcosmos do fútbol profesional coas súas luces e sombras. Mais non só iso, Recortes non vai exclusivamente de fútbol, senón que o deporte é unha excusa para falar da vida e de como somos como sociedade.

O novo libro de Nacho Carretero, no que recolle esta pesquisa sobre o mundo do fútbol profesional e as súas sombras, aínda non está nas librarías, pero xa se pode desfrutar da versión teatral coa adaptación dramática de José L. Prieto. Estes dous autores xunto con Touriñán e Asorey conforman o equipo responsable do éxito de Fariña, o espectáculo teatral, baseado no libro máis coñecido de Carretero que tamén deu lugar á serie de televisión.

Exit mobile version