Site icon Crónica3.com A Mariña

Viveiro promocionase en Fitur como un destino de calidade, sostible e variado

Viveiro, 19 de xaneiro de 2023. O Concello de Viveiro está presente un ano máis en FITUR, a Feira internacional de Turismo en Madrid, para promocionar o seu patrimonio histórico e natural co obxectivo final de consolidalo como un destino de calidade, sostible e variado na súa oferta durante todo o ano.

Ao longo da súa estadía nunha das principais feiras de turismo europeas, a delegación do goberno municipal encabezada pola alcaldesa, María Loureiro, puxo en valor a Viveiro como destino de natureza, cultural e patrimonial, cunha variada gastronomía e celebracións tan recoñecidas a nivel internacional xa como a Semana Santa ou o propio Nadal.

“O interese por Viveiro medra ano a ano, é algo que levamos constatado nas últimas edicións, de aí que a nosa presenza en citas como FITUR sexa fundamental para promocionar o concello e sirve para dinamizar o noso turismo, o noso comercio e a nosa hostalería”, destaca María Loureiro.

A alcaldesa de Viveiro foi precisamente a encargada de intervir en nome da Mancomunidade de Municipios da Mariña Lucense na presentación desta tarde da nova campaña turística: “Descubre A Mariña Lucense. Vive o norte de Galicia” ante as diferentes autoridades, turoperadores, axencias minoristas, a prensa especializada e os profesionais do sector.

No acto, que tivo lugar no stand de Turismo de Galicia, María Loureiro estivo acompañada por representantes da Xunta, do presidente da Deputación de Lugo, José Tomé, así como de varios rexedores dos concellos da provincia lucense.

A nova campaña da Mancomunidade busca incrementar o recoñecemento do destino turístico da Mariña, principalmente a nivel nacional. Co obxectivo de subliñar a variedade e calidade dos recursos e servizos turísticos dos diferentes concellos que forman parte da Mancomunidade, entre eles Viveiro, editouse co gallo de FITUR 23 unha edición especial da guía A Mariña Lucense ao descuberto.

Rede Europea da Semana Santa

Entre as diferentes promocións que levou a cabo en FITUR a delegación viveirense estivo a da súa Semana Santa como integrante da ‘Red Europea de Celebraciones de Semana Santa y Pascua’, que presentou precisamente en Madrid o II Congreso Europeo, que terá lugar o 2 e 3 de marzo na cidade italiana de Palermo.

A Semana Santa de Viveiro está considerada como a mellor de Galicia e do norte de España pola súa riqueza en imaxes, moitas delas articuladas, e a antigüidade patrimonial. “Supón unha dos nosos signos de identidade e un dos recursos turísticos máis importantes da nosa vila, e de aí que formemos parte dende marzo de 2019 desta Rede co obxectivo de conseguir o primeiro Itinerario Cultural Europeo de Celebracións de Semana Santa e Pascua”, subliña a alcaldesa de Viveiro, María Loureiro.

“Sabemos da importancia da nosa Semana Santa, e como responsables en certa medida dun legado que se remonta ao século XIII, temos a obriga tamén de traballar na súa proxección a nivel internacional, un labor que facemos da man da Xunta de Confrarías”, insiste.

Exit mobile version