O Goberno local adianta algunhas das actividades do programa deste ano, que se anunciará nas próximas semanas
“O Entroido é, sen dúbidas, unha das datas máis sinaladas en Viveiro. Agardamos que tanto os nosos veciños e veciñas, como a xente que nos visita nestes días, desfruten do ambiente da nosa vila”, sinala María Loureiro, alcaldesa de Viveiro.
O certame de disfraces contempla categorías de adultos (carrozas, comparsas, grupos, parellas e individual) e infantil (individual, parellas e grupos). Unicamente será posible inscribirse nunha categoría.
O prazo de inscrición ao desfile abrirase o próximo xoves 9 de febreiro e pecharase o 19 do mesmo mes. As inscricións tramitaranse achegando a documentación recollida nas bases do certame no rexistro ou na sede electrónica do Concello de Viveiro.
O Concello de Viveiro concederá premios aos catro mellores participantes en cada categoría, cun premio de 700 euros para a mellor carroza. En total, repartiranse case 7.000 euros en premios entre todas as categorías.
Tamén se concederá un premio especial ao humor e á orixinalidade, entre todos os participantes da categoría adultos. Por último, o Concello de Viveiro outorgará unha axuda especial por un importe máximo de 200 euros a cada unha das carrozas participantes no desfile.
Principais datas do programa
A falta de pechar o programa definitivo, o Concello de Viveiro sinala algúns dos principais eventos do Entroido 2023. “Como é habitual, traballamos nun programa que chegue a todas as franxas de idade e no que se transmita o espírito do Entroido viveirense”, detalla a concelleira de Cultura, Lara Fernández Fernández-Noriega.
Os actos comezarán o xoves 16 co xoves de comadres, no que colaboran os locais de hostalaría do Centro Comercial Casco Histórico de Viveiro. O sábado, 18 de febreiro, celebrarase o Certame de Alpuxarradas, no que tamén se repartirán premios.
O día da cativada será o luns 20 de febreiro, coa Festa Infantil na Praza Maior. Ademais, organizaranse obradoiros temáticos tanto o domingo 19 como o luns 20 de febreiro. Doutra banda, o domingo pola tarde instalaranse inchables gratuítos nos Xardíns de Noriega Varela.
O martes, 21 de febreiro, será o día central de actos deste Entroido, co concurso de disfraces durante o desfile. Tras esta xornada de festa, o mércores celebrarase o enterro da sardiña, mentres que a rapazada poderá gozar do enterro da parrochiña.
A música, da man das charangas e outras agrupacións musicais, protagonizará todos os días de festa. Ademais, nesta edición, o Goberno local levará a animación musical a outros puntos de Viveiro, como Covas e Celeiro.
Está previsto que o programa completo sexa anunciado proximamente.