Site icon Crónica3.com A Mariña

O Alcalde de Ribadeo pedíulle ao conselleiro de Educación un peche perimetral novo para CEIP Gregorio Sanz e melloras na pista e no patio

Ribadeo, 24 de febreiro de 2024. O alcalde, Fernando Suárez, aproveitou a visita cursada polo conselleiro de Educación, Román Rodríguez, ao Ceip Gregorio Sanz para pedirlle á Xunta un peche perimetral novo e melloras na pista e no patio do centro.

O rexedor declarou: “valoramos moi positivamente a visita do conselleiro de Educación hoxe aquí ao Gregorio Sanz, entre outras cousas para supervisar estas obras importantes que se foron facendo nestes meses, a falta de corrixir algunhas deficiencias que quedan á vista. Pero o máis importante é toda a volta que se lle deu, o que se fixo con fondos europeos, do Pirep, practicamente na súa totalidade agás o IVE”.

Suárez Barcia dixo: “polo tanto, como nosoutros estamos para indicar as incidencias que se deben mellorar, gustaríanos tamén que, xa que os fondos da Xunta de Galicia non viñeron para a reformulación deste centro, que se utilicen parte deles para facer un peche perimetral novo, dado que o que hai ten moitísimos anos e está escachando por todos os sitios, tal e como llo recordamos documentalmente hai uns meses. E tamén que se proceda a mellorar a pista e o patio, que están nun proceso de deterioro continuo por levan moitísimos anos, todos eses adoquíns están repisados e non hai maneira de mantelo”.

O alcalde sinalou que “os Concellos, como o noso, temos o deber de mantemento do que son os centros educativos de ensino primario, pero para nada temos a competencia estrutural.
Iso correspóndelle á Consellería e precisamente aproveitando este aforro que lle supuxo á Consellería de Educación por esta achega de fondos europeos á rehabilitación deste centro, confiamos que en breve poidan dar cabida a estas melloras que tanto se necesitan”.

Exit mobile version