Site icon Crónica3.com A Mariña

A Deputación aproba un investimento de preto de 1,6M€ para a mellora de 7 estradas provinciais

A Xunta de Goberno aprobou tamén a listaxe de entidades admitidas na terceira edición do programa de viaxes gratuítas Coñece a túa provincia que se celebrará en dúas quendas: na primavera e no outono

Lugo, 3 de febreiro de 2023. A Xunta de Goberno da Deputación de Lugo aprobou este venres un novo investimento de preto de 1,6M€ para seguir mellorando a rede de estradas provinciais. Así o anunciou a voceira socialista do Goberno, Pilar García Porto, que sinalou que os traballos afectarán a 7 vías nos concellos do Saviñao, Baleira, A Fonsagrada, Chantada, Carballedo, Castroverde e Pol.

En concreto, a institución provincial licitou no Saviñao, por preto de 200.000€, os traballos de mellora da LU-P-5802, que conecta Porto con Córneas polo Casar en algo máis de 3 quilómetros -entre os puntos quilométricos 6,485 e 8,025-; e do primeiro quilómetro da LU-P-5805, de Segán a San Vitorio.

Tamén se aprobou declarar de emerxencia a execución das obras necesarias para reparar 4 estradas que sufriron danos polo temporal de fortes choivas do pasado mes de xaneiro en Baleira, A Fonsagrada, Chantada e Carballedo.

A actuación que supón maior investimento afecta a dúas estradas provinciais ao seu paso polos concellos de Chantada e Carballedo. Son a LU-P-1801, de Chantada ós Peares, e a LU-P-1010, que vai hacia a presa dos Peares, no termo municipal de Carballedo. En conxunto, a Deputación dedica máis de 670.000€ para a súa reparación.

No caso de Baleira, a Deputación actuará na estrada que conecta Martín e Crende, a LU-P-0406 destinando máis de 129.000€ para acometer os traballos de sostemento da estrada e podela reabrir ao tráfico.

Na Fonsagrada arranxarase a LU-P-0408, que vai a Baleira por A Lastra, cun investimento de preto de 75.000€ para restaurar diferentes danos en varios puntos do seu trazado.

García Porto explicou que para a reparación destas catro estradas, “as empresas que se encargarán dos traballos son as que precisamente se ocupan da súa conservación”, un paso administrativo que “permítenos actuar coa máxima axilidade posible e iniciar as obras de inmediato para poñelas a disposición dos usuarios e usuarias no menor tempo que sexa posible”.

Adxudicadas tamén as obras no cinto comarcal que circunvala a contorna de Lugo, a LU-P-1611, á altura do límite entre os concellos de Castroverde e Pol. O proxecto consiste na construción dunha nova ponte sobre o río Azúmara e o acondicionamento do firme, e conta cun orzamento que supera o medio millón de euros: 510.997,46€. O prazo de execución é de 12 meses, unha vez iniciados os traballos.

Adxudicación directa de dúas parcelas no polígono dos Acivros
A Xunta de Goberno aprobou ademais a adxudicación directa de dúas parcelas no polígono industrial dos Acivros, en Chantada, por preto de 85.000€. Trátase da parcela 46, que conta con 1.305 metros cadrados e a parcela 47, con 1.338 metros cadrados.

Neste polígono, a Deputación xa ten vendidas un total de 35 parcelas, das 49 que eran de titularidade provincial. Agora mesmo quedan 5 dispoñibles -cunha superficie media de 1.000 metros cadrados cada unha- e hai outras 9 parcelas reservadas.

Plan Anual de Contratación 2023
Outro dos asuntos que saíu adiante na sesión semanal foi o Plan Anual de Contratación da Deputación de Lugo para este ano 2023, un documento de obrigada elaboración segundo establece a Lei de Contratos do Sector Público, que fai unha previsión estimativa dos procedementos de contratación de servizos, subministracións e obras que desenvolverá a institución provincial ó longo deste ano.

Este plan prevé que a Deputación sacará adiante neste ano contratos por un importe total de preto de 30M€, unha cifra, en todo caso, estimativa.

Terceira edición do Coñece a túa provincia
Aprobada na Xunta tamén a listaxe de entidades admitidas na terceira edición do programa Coñece a túa provincia da Deputación, que nesta terceira convocatoria ofrece un total de 3.036 prazas e que se celebrará novamente en dúas quendas: na primavera e no outono. En concreto, a institución provincial recibiu para o ano 2023 solicitudes de 216 colectivos, das cales foron admitidas 136 seguindo a orde de inscrición, tal e como sinalan as bases.

Ademais aceptáronse 77 entidades que entran na listaxe de agarda e tres solicitudes foron excluídas por non cumprir con algún dos apartados da convocatoria. A relación de todas as solicitudes -admitidas, en agarda e non admitidas- publicarase mañá no Boletín Oficial da Provincia.

Remanentes en Xove do Plan Único 2022
A Xunta sacou adiante a solicitude do Concello de Xove de destinar remanentes do Plan Único 2022 por un importe de case 20.000€ para a mellora e acondicionamento de viais de acceso ós lugares de Prada, Illade e Barxa, nas parroquias de Lago e Xuances.

Exit mobile version