Site icon Crónica3.com A Mariña

A Deputación colabora cunha guía que promociona A Mariña como destino surfeiro

A primeira edición desta guía consta de 2.500 exemplares, que se poderán conseguir en librerías, escolas de surf e tendas especializadas neste deporte

Lugo, 18 de febreiro de 2023. O Presidente da Deputación de Lugo, José Tomé Roca, anunciou xunto á Alcaldesa de Viveiro, María Loureiro, que a institución provincial colabora coa guía Surferos. Historias, curiosidades e información útil para tu día a día en el surf, unha publicación elaborada polo mariñano Ignacio Fernández que promociona A Mariña como destino para a práctica deste deporte.

“A Mariña é un referente na práctica do surf, unha actividade deportiva que xera un modelo de ocio moi positivo e cun retorno económico importante. É un deporte para todas as idades, que está medrando dun xeito moi importante en Galicia”, destacou José Tomé, que engadiu que o turismo xerado por esta práctica deportiva “crea comunidade, fomenta a convivencia interxeracional e favorece que os nenos fagan deporte en contacto coa natureza, entendéndoa e respectándoa”.

Trátase dunha guía interactiva, pensada para lectores que manexan as novas tecnoloxías, porque nas diferentes páxinas inclúe códigos QR que, lidos co móbil, amplían a información. O seu autor, Ignacio Fernández, é un surfeiro mariñano que foi pioneiro na práctica deste deporte na costa lucense e un dos impulsores da Mariña como destino para a práctica do surf. “Quero agradecer o labor de Nacho Fernández, que vén traballando por poñer en valor a Mariña como destino de surf”, subliñou o mandatario provincial.

Apuntou o Presidente que a colaboración da Deputación con esta guía responde ó “compromiso da Deputación de Lugo con Viveiro e co conxunto da comarca da Mariña, non só nas reivindicacións en materia industrial, para a recuperación de servizos públicos como a sanidade ou para que se cumpran débedas históricas en canto a infraestruturas, senón en todas as iniciativas que serven para impulsar á Mariña como destino de ocio ou turismo, que é un dos motores económicos importantes da Costa”.

Surferos. Historias, curiosidades e información útil para tu día a día en el surf está editado por Minúscule Ediciones e conta con máis de 40 fotografías e ilustracións a toda páxina. Esta primeira tirada conta con 2.500 exemplares, que se poderán conseguir en librerías, escolas de surf e tendas relacionadas con este deporte.

Exit mobile version