Site icon Crónica3.com A Mariña

A Pastoriza recupera o servizo veterinario

Está previsto que empece a funcionar a próxima semana, terá a súa oficina na Casa Consistorial e estará operativo os martes e os xoves, de 09 a 14 horas

A Pastoriza, 7 de febreiro de 2023. O concello da Pastoriza recupera o servizo veterinario. Así o indican no PP neste concello, despois da entrevista que mantiveron o portavoz popular, José Bouso, e o presidente da xestora do PP local, Marcos Lombardero, co delegado da Xunta, Javier Arias, e coa xefa territorial de Medio Rural, Olga Iglesias.

Os populares da Pastoriza sinalan que “o Partido Popular, dende a oposición, traballou de xeito continuo co delegado Javier Arias e coa xefa territorial de Medio Rural, Olga Iglesias, para tramitar a recuperación do servizo do veterinario para o Concello da Pastoriza”.

No PP pastoricense din que, “grazas a este servizo, os nosos gandeiros aforrarán custos para as súas explotacións e tamén tempo, porque evitarán viaxes a outros concellos”. Indican que este servizo tamén beneficiará economicamente ao resto de sectores locais.

O servizo empezará a funcionar a próxima semana, segundo as previsións. Terá a súa oficina na Casa Consistorial. Estará operativo os martes e os xoves, de 09 a 14 horas. O PP local indica que “seguirá a traballar para que o servizo estea operativo todos os días”.

Por outro lado, os populares non entenden por que “o BNG se mostra molesto polo feito de que conseguimos este servizo para A Pastoriza”.

Exit mobile version