Site icon Crónica3.com A Mariña

A xunta de goberno extraordinaria outorgará licenza de obra para o soterrado da liña de media tensión na estrada do Faro de Ribadeo

Ribadeo, 16 de febreiro de 2023. O alcalde de Ribadeo, Fernando Suárez, anunciou hoxe que na xunta de goberno extraordinario desta tarde será outorgada licenza de obra para o soterrado da liña de media tensión na estrada do Faro. Iso suporá a eliminación dos postes, entre eles, o que está invadindo o carril bici.

O rexedor explicou que “na xunta de goberno extraordinaria desta tarde, outorgaremos a licenza de obra para o soterrado da liña de media tensión na estrada do Faro, polo que por fin se poderán desmontar uns 500 metros de tendido aéreo e os postes que o sustentan, entre eles, o que está invadindo parcialmente o carril bici recentemente construído”.

Suárez Barcia dixo que “nós eramos os primeiros molestos por esta situación creada, por ir as nosas obras de construción do carril bici máis avanzadas que a retirada desa liña eléctrica que nada tiña que ver co noso proxecto e que leva alí varios decenios”.

O alcalde subliñou: “pero o Concello de Ribadeo, igual que a compañía eléctrica neste caso, tivo que someterse a unha chea de autorizacións sectoriais preceptivas. Teño que dicir que a empresa eléctrica sempre tivo bo ánimo e disposición, pero tivo que enfrontarse a unha chea de atrancos administrativos. Desde que nós lles plantexamos o noso proxecto e lles pedimos que retirasen o poste a finais de 2021, aceptárono de bo grao e puxéronse a tramitalo. Pero o certo foi que tiveron que superar unha enorme carga burocrática de varios departamentos da Xunta e do Estado”.

Fernando Suárez indicou que “a partir de mañá, coa licenza de obra outorgada, poderán empezar as obras. E isto desde logo, a pesar da tardanza, é unha boa noticia”.

Exit mobile version