Site icon Crónica3.com A Mariña

A Xunta ofertará 27 prazas médicas por concurso de méritos para reforzar a asistencia sanitaria do distrito da Mariña

A nova convocatoria por concurso de méritos tamén reforzará o distrito mariñán con novas prazas de medicina de familia para Burela, O Vicedo e Viveiro; e prazas de Pediatría de atención primaria para os concellos de Cervo, Mondoñedo e Viveiro

Santiago de Compostela, 22 de febreiro de 2023. O conselleiro de Sanidade, Julio García Comesaña, anunciou esta tarde no Parlamento de Galicia, que a Xunta de Galicia ofertará 27 prazas médicas, por concurso de méritos, para reforzar a asistencia sanitaria no distrito sanitario da Mariña.

O Executivo galego reforzará os centros de saúde da Mariña con sete novos profesionais -médicos de familia e pediatras-, que se engaden aos sete que xa se incorporaron nos últimos meses, mediante o anterior concurso de méritos. En concreto, a Xunta dotará con senllas prazas de médico de familia os centros de saúde de Viveiro, Burela e Vicedo. Ademais, tamén reforzará os servizos de Pediatría dos centros de Cervo, Mondoñedo e Viveiro, neste último caso, con dous profesionais.

O titular de Sanidade salientou a Xunta está a facer todos os esforzos posible, dentro das súas competencias, para paliar a falta de especialistas en Medicina familiar e comunitaria que sofre o Sistema Nacional de Saúde.

García Comesaña subliñou que a nova convocatoria de prazas por concursos de méritos tamén incluirá 20 novos facultativos, de diferentes especialidades, para o Hospital Público da Mariña. Estes profesionais contarán con praza fixa e, alomenos durante dous anos, permanecerán neste centro hospitalario.

O conselleiro precisou que se reforzará o cadro de persoal do Hospital de Burela con: 4 prazas de medicina interna, 2 prazas de xinecoloxía, 2 prazas de pediatría, 2 prazas de medicina de urxencias; e cadansúa praza nas especialidades de alergoloxía, cardioloxía, cirurxía xeral e dixestiva, hematoloxía, nefroloxía, neuroloxía, psiquiatría, radiodiagnóstico, traumatoloxía e uroloxía.

O titular de Sanidade pechou a súa intervención reiterando que a Xunta está a facer todo o posible para ser parte dunha solución “que require de medidas autonómicas e medidas nacionais”. Así, lamentou as votacións en contra dos grupos da oposición ante ás medidas propostas polo Executivo galego, como é o caso da ampliación das prazas MIR, ou a flexibilización dos criterios das unidades docentes de formación na especialidade de medicina de familia.

Exit mobile version