Site icon Crónica3.com A Mariña

As burelás gañan en Poio 1-2 e pasan á final da Copa de Galicia

Burela, 22 de febreiro, 2023. As guerreiras de Julio Delgado clasificáronse para a final da Copa Galicia esta tarde ás 19.00 no Pavillón Príncipe Felipe de Poio. Xogarán a final o día 17 de maio, día das Letras Galegas, nun lugar aínda por determinar, contra o Marín, que venceu 1-3 hoxe ao Viaxes Amarelle na outra semifinal da competición. En posiblemente o derbi galego favorito da Primeira Federación de Futsal Feminino, o Poio e o Burela ofreceron un encontro moi digno que non decepcionou axs aficionadxs. Un Pescados Rubén Burela FS moi serio foi superior en practicamente todo o encontro e aínda que ningún dos dous equipos estivo moi acertado, o Burela tivo moitas oportunidades de meter dous ou 3 goles máis, sobre todo ao final do encontro.

O encontro comeza con pouca presión, pases con algún achegamento á portería e algún disparo errado. No minuto 5 Antía pon o 0-1 no marcador cun gol tras un pase de Emilly e un rexeite na defensa. A continuación comeza a presionar máis o Poio creando momentos de perigo para o Burela FS. No minuto 8 Emilly tira un balón ao pau que ben puido ser un golazo e pouco despois ten outra oportunidade tras un pase de Peque que salva o equipo pontevedrés. No minuto 11 Laura Uña empata o encontro e posteriormente o Poio ten outras dúas ocaisóns que salva a porteira que esta tempada xoga en campo contrario, Caridad. No minuto 14 Emilly ten outra oportunidade clarísima que salva Sandra Buzón e posteriormente Irene Samper un disparo que vai fóra despois dunha boa xogada colectiva. Chega o descanso 1-1 no marcador.

Na segunda parte comeza con oportunidades o Pescados Rubén Burela FS, cunha boa no minuto 24 e no 26 posiblemente a mellor oportunidade do encontro, tras outra moi boa xogada colectiva, Peque queda fronte á portería sen porteira pero salva o balón Rocío Gómez case na liña de gol. Tras a primeira amarela do encontro, a Anna Escribano, xa no minuto 28, Irene Samper recibe un pase de Cilene e adianta o marcador para o equipo laranxa. Continúan as oportunidades do Pescados Rubén, entre outras, no minuto 30 un disparo de Emilly que se atopa con Sandra ou no 33 outra de Dany desde a banda que vai fóra. No minuto 36 o equipo de Luís López-Tulla recorre a a porteira-xogadora pero, aínda que con algunha ocasión como un disparo ao traveseiro de Anna, as xogadoras do equipo burelense defenderon o seu terreo con mestría mantendo o resultado ata o último segundo.

Moi orgullosas e motivadas volven a Burela as Supercampioas para prepararse para o encontro deste sábado ás 20.30 horas contra o STV Roldán na Tarde Laranxa de Vista Alegre, importante partido contra un dos mellores equipos de Primeira Federación, e coas vistas xa postas na final da Copa Galicia. O adestrador Julio Delgado móstrase moi orgulloso do seu equipo, de acadar unha final máis, “que cada vez é máis difícil” pero tamén é difícil completar unha tempada como o están facendo, estando sempre nos momentos clave, “seguimos estando aí gañando títulos e agora chegando a outra final da Copa Galicia, que é imporantante para o club e, sobre todo, a nivel galego é un orgullo loitar por o título”.

FICHA TÉCNICA Poio Pescamar FS Vs Pescados Rubén Burela FS

Poio Pescamar FS: Sanda Buzón (P), Martita, Luci, Rocío Gómez, Laura Uña – cinco inicial -, Dupuy, Martita, Anna, Elena Aragón, Agostina, Irene, Marta, Rocío Gómez, Luci, Elena (P)

Adestrador: Luis López-Tulla.

Pescados Rubén Burela FS: Caridad (P), Cilene, Irene Samper, Patricia, Emilly – cinco inicial -, Dany, Peque (C), Jenny, Antía Pérez, Irene Samper, Patricia, Jozi de Oliveira (P)

Adestrador: Julio Delgado.

Goles: Min.5 Antía Pérez 0-1; min.11 Laura Uña 1-1; min.29 Irene Samper 1-2.

Árbitros: Daniel Dacal Deza, Borja Pérez Muñiz, Andrea González Pontevedra.

TA: Min.26 Peque, min.28 Anna, min.30 Marta, min.31 Martita.

Exit mobile version