Site icon Crónica3.com A Mariña

Balseiro forzará unha votación no Parlamento para que BNG e PSdeG se pronuncien sobre a restauración integral da N-642 e a execución “inmediata” da Autovía da Mariña

O parlamentario mariñán pon deberes ao Goberno de Pedro Sánchez ante a “desatención” que a comarca sofre en materia de mobilidade viaria

Burela, 7 de febreiro de 2023. O deputado e coordinador xeral dos populares lucenses, José Manuel Balseiro, vén de rexistrar unha iniciativa no Parlamento de Galicia coa que forzará ás forzas da oposición a pronunciarse en relación coa necesidade dunha restauración integral da estrada nacional 642 e a execución “inmediata” da Autovía da Mariña (A-74)

O parlamentario, portavoz de infraestruturas dos populares na Cámara galega, quere deste xeito que socialistas e nacionalistas voten sobre dous das principais eivas que ten o Goberno que preside Pedro Sánchez coa comarca da Mariña e conseguir así un mandato parlamentario expreso que os vincule a actuar, “abandonando a actual situación de parálise e desatención que a comarca sofre en materia de mobilidade viaria”.

Balseiro explica que “tivo que producirse un socavón para que desde o Ministerio sexan conscientes de que as estradas de competencia estatal adoecen de falta de mantemento e carecen dun plan rigoroso de conservación. E foi necesario tamén un corte na estrada que vertebra o litoral da Mariña lucense -hoxe un corte parcial- para darse conta de que o Ministerio non pode seguir mantendo no total esquecemento a autovía da Mariña, que ademais ve recortados ano tras ano os seus orzamentos, sen avances e sen un só quilómetro construído ou en obras”

Deberes a Pedro Sánchez
A iniciativa popular pon, polo tanto, “deberes” ao Goberno central en materia de infraestruturas para pedirlle prazos e datas concretas para acometer as obras de restauración e rehabilitación integral da estrada N-642 e demandarlle tamén que concrete os investimentos e o cronograma previsto para garantir a apertura desta estrada ao tráfico xeral “en condicións de normalidade, vialidade e seguridade”

Os populares someterán adicionalmente a debate a necesidade de que o Ministerio de Transportes acometa “de xeito inmediato e sen máis dilación”, a execución da autovía da Mariña “na totalidade dos treitos que unen as localidades de San Cibrao (Cervo) con Barreiros, e deste xeito garantir o seu enlace coa autovía do Cantábrico (A-8)”

Finalmente, a iniciativa pide ao Goberno central que desenvolva un plan de conservación anual, cíclico e periódico, para o conxunto das estradas nacionais, a imaxe do que executa a Xunta de Galicia nas estradas da súa competencia, e así evitar situacións de abandono e deterioro como as que se denuncian, por evidente falta de mantemento, en estradas de titularidade estatal, como a N-642 ou a N-120 Ourense-Lugo, entre outras.

Exit mobile version