Site icon Crónica3.com A Mariña

Beatriz Sestayo expón en Mondoñedo a empresas e investidores as facilidades impulsadas por “SEA” para a súa instalación no polígono industrial

Para facilitar a implantación de novas empresas, SEA aprobou recentemente ofertar todas as parcelas dispoñibles tamén en réxime de Dereito de Superficie, por contías inferiores a 80 euros ao mes

Mondoñedo, 28 de febreiro de 2023. A xerente da sociedade estatal “Suelo Empresarial del Atlántico”, Beatriz Sestayo, desprazouse hoxe a Mondoñedo para expoñer a investidores e empresas interesadas as vantaxes que supón instalarse no polígono industrial, xestionado por SEA, e que, recentemente, xa sumou novas compañías de alimentación e maquinaria.

Sestayo lembrou que, para facilitar a implantación de novas empresas, “SEA” oferta a totalidade do chan dispoñible en réxime de Dereito de Superficie, con cantidades inferiores aos 80 euros mensuais. Esta modalidade foi a elixida pola última empresa que decidiu instalarse no polígono, vinculada ao sector alimentario.

A aposta de “SEA” por impulsar esta área industrial xa permitiu sumar a compañías de produción de formigón, un taller e a citada empresa de alimentación.

A área industrial ten unha localización idónea, destacou Beatriz Sestayo, para sectores vinculados á agricultura, ao sector forestal ou industrial, e dispón de todos os servizos necesarios, como redes eléctricas e saneamento, para que as distintas empresas poidan iniciar a súa actividade.

O polígono de Mondoñedo é un dos 13 que xestiona “SEA” en Galicia. Conta cunha superficie bruta de 70.000 metros cadrados, dos que 39.566 son netos de uso mixto (industrial ou terciario) e dispón de fácil acceso cara ao norte de Lugo e os portos das provincias da Coruña e Lugo.

Suelo Empresarial del Atlántico

“Suelo Empresarial del Atlántico”, dependente nun 83,44% do Ministerio de Transportes, xestiona en Galicia 13 parques empresariais, que suman máis de 4 millóns de metros cadrados.

Están situados nas provincias de Lugo -Monforte de Lemos, Mondoñedo, Chantada e Rábade—, da Coruña –Malpica, Vimianzo, Cee, A Laracha, A Pobra do Caramiñal, Muros e Rianxo— e de Pontevedra –Vilanova de Arousa e Catoira-.

“Suelo Empresarial del Atlántico”, S.L., S.M.E., é unha sociedade participada nun 83,44% polo Ministerio de Transportes, Movilidad e Axenda Urbana (https://www.mitma.gob.es/) a través de Sepes. O resto do accionariado está conformado pola Xunta de Galicia e ABANCA.

Exit mobile version