Site icon Crónica3.com A Mariña

Burela celebra este xoves o Día de Rosalía repartindo marcapáxinas nos centros de ensino

Burela, 22 de febreiro de 2023. O Concello repartirá nos centros de ensino marca páxinas para celebrar o Día de Rosalía o 23 de febreiro. Haberá tamén un obradoiro creativo e unha actuación de Arume.

O concelleiro de Cultura, José Díaz, explicou hai uns días que “queríamos facer algún acto que escapara un pouco do habitual, entón pensamos en dúas cousas que puxeran de relevo a figura de Rosalía doutra maneira. Unha delas enfocada máis a cativos, cun obradoiro creativo que denominamos A miña Rosalía; trátase de decorar unha imaxe de Rosalía de Castro utilizando diversos materiais, como plastilina, papel, cores, abelorios, … Está enfocado a nen@s de 3 a 12 anos e farase mañá, día 23, a través de Gaia. Será na Casa da Cultura entre as 16:30 e as 19:00 horas. Durante ese tramo horario poden pasarse cando queiran @s nen@s, imos darlles un pequeno agasallo aos participantes e despois todas esas creacións de Rosalía que fagan expoñerémolas durante unha semana na Casa da Cultura para que as poidan ver eles, as súas familias e evidentemente toda a veciñanza de Burela”.

O edil burelés contou que “a segunda actividade que teremos é unha actuación ás 18:30 horas por parte do grupo Arume, de Burela, a cargo da súa sección infantil e xuvenil. Será diante da Casa Concello, onde está despregada a pancarta de Rosalía. Invitamos a que veñan ver esa actuación todos os que lles apeteza. E outra maneira, neste caso musical, de recordar a súa figura, tamén certamente polo vínculo que hai entre a literatura de Rosalía e a música porque moitas das súas poesías e composicións pasaron a ser letras de cancións tamén moi coñecidas dentro da música galega”. En caso de chuvia a actuación trasladarase á praza de abastos.

Ademais durante a xornada deste xoves, 23 de febreiro, o Concello repartirá nos CEIP e nos IES marca páxinas cun deseño moi atractivo da figura de Rosalía cunha composición súa. Díaz dixo que “serán en diferentes formatos, para que neses centros os directores e profesores os deixen nas bibliotecas, que é o sitio principal onde se accede á literatura nun centro escolar, para que así poidan coller alí os seus marca páxinas e levar sempre a figura da poetisa con eles cando estean lendo algún libro”.

Exit mobile version