Site icon Crónica3.com A Mariña

Concello e Acisa asinan o convenio trianual de colaboración

Ribadeo, 28 de febreiro de 2023. Concello e Acisa asinaron o convenio trianual de colaboración para o período 2023-2025, polo que o colectivo empresarial percibirá unha achega anual de 20.000 euros destinados á organización de actividades dinamizadoras do tecido comercial, hostaleiro e de servizos. Na firma participaron o alcalde, Fernando Suárez, o concelleiro de Comercio, Pablo Vizoso, a presidenta de Acisa, Carmen Cruzado, o xerente da asociación, Jesús Pérez, e o secretario accidental do Concello, José Rodil. Tamén estivo presente a axente de desenvolvemento local, Mónica Barcia.

O edil de Economía, Desenvolvemento Local, Comercio e Turismo, Pablo Vizoso, declarou que “o sector do comercio, da hostalería e dos servizos ten un peso específico no noso concello e actúa como un motor dinamizador da actividade económica. Partindo desta realidade e co obxectivo de relacionar aínda máis o sector comercial con outros ámbitos de Ribadeo e que o comercio da nosa vila se siga caracterizando pola súa proximidade, pola súa diversidade, pola súa calidade e que busca a suntentabilidade, acordamos Concello e Acisa unha serie de accións e de colaboracións para o período 2023-2025, que inclúen unha achega por parte do Concello de 20.000 euros en cada exercicio, para que Acisa e Concello academos os obxectivos que nos marcamos”.

A presidenta de Acisa, Carmen Cruzado, sinalou que “grazas á sinatura deste convenio poderemos organizar diversas actividades destinadas a dinamizar o comercio, a hostalería e os servizos de Ribadeo. Sen o fundamental apoio das institucións o futuro das asociacións, coma a nosa, sería moi complicado. Concello e Acisa seguiremos a traballar de forma conxunta co obxectivo de atraer xente a Ribadeo ao longo de todo o ano, porque iso redundará de xeito positivo na economía local”.

O edil ribadense lembrou que “o Concello de Ribadeo fai e fixo todo o posible por estar a carón de Acisa e dos seus asociados e asociadas. E unha boa mostra deste compromiso é a sinatura deste convenio trianual que se incrementa en 5.000 euros en cada exercicio con respecto ao convenio anterior”.

Exit mobile version