Site icon Crónica3.com A Mariña

Dani Vega: “O lobo está acabando cos gandeiros e o Goberno central debe actuar xa”

Ribadeo, 23 de febreiro de 2023. O deputado autonómico e voceiro do grupo municipal popular de Ribadeo, Dani Vega, lamentou hoxe que “o lobo está acabando cos nosos gandeiros e o Goberno de Pedro Sánchez debe actuar xa. Vale xa de tantas palabras e pasemos aos feitos, porque estamos fartos de tantas desculpas e promesas”. Neste sentido, o deputado fai referencia ao apoio do PSOE e o BNG á decisión do Goberno central de declarar o lobo como especie protexida. “Non entenden, con esta decisión que adoptaron en Madrid, que ser gandeiro é escoller unha profesión e unha forma de vida”, engade.

A Xunta de Galicia triplicou para o 2023 o orzamento para as axudas de prevención e danos fronte ao lobo, ata alcanzar os 1,9 millóns de euros, unha partida que confirma o seu apoio ao sector primario ante as incertezas xeradas polo Goberno central coas súas decisións. Este esforzo se traduce en 8,4 millóns destinados á prevención e ás indemnizacións polo lobo desde o ano 2016.

A declaración do lobo como especie protexida está repercutindo negativamente no sector cárnico. “En Ribadeo as explotacións eran leiteiras, de produción intensiva e non había estes ataque de lobo. Co paso de tempo a economía diversificouse e agora ademais destas explotacións leiteiras contamos con explotacións de carne, e en extensivo, onde as vacas están en liberdade nas súas fincas, e tamén hai cabalos. Isto foi acercando o lobo ás zonas próximas aos municipios e débense sentir cómodos porque cada vez hai máis ataques e repercute negativamente nos gandeiros”.

O voceiro do grupo municipal de Ribadeo resalta que os populares levan moito tempo escoitando as propostas e as queixas dos gandeiros. “Evidentemente, están moi enfadados e fartos desta situación porque desde o Goberno central non se adoptan medidas concretas”, explica Dani Vega. Por iso, “levamos ao Parlamento este tema para preguntar e pedir explicacións ao Goberno da Xunta para que nos detallen que medidas se van a adoptar e que medidas se reivindicaron ao goberno central para que actúe”, apuntou.

Ademais, o popular considera que “non pode ser que a decisión dun lobby medioambientalista, que presiona ao Goberno central e que non atende a razóns, provoque o abandono dos gandeiros e do sector”. E, por iso, desde o grupo municipal “pedimos a eliminación do lobo como especie protexida, quen ten que ser protexido é o sector cárnico, o sector primario e todos os gandeiros do noso concello”, di Vega.

AUMENTOS DOS AVISOS POR ATAQUES DE LOBO

Os ataques do lobo ao gando, tanto vacún, coma cabalar, ovino ou cabrún, son constantes na provincia de Lugo. Incluso se rexistraron casos de ataques a outros animais domésticos coma cans próximos a núcleos de poboación.

En 2022 rexistrouse un incremento do número de avisos por ataques de lobo, en concreto 1.322 avisos. A situación repite con datos relativos ás reses afectadas, que nos últimos anos se moveron ao redor das 2.250.

Exit mobile version