Site icon Crónica3.com A Mariña

Miñones resalta que a frota galega pode solicitar xa as axudas ao combustible para compensar o incremento dos custos de produción pola guerra de Ucraína

José Miñones sinala que, en virtude dun convenio co Ministerio de Agricultura, Pesca e Alimentación, serán as principais organizacións do sector, entre elas varias entidades galegas, as encargadas de xestionar o pagamento das devanditas axudas

A Coruña, 21 de febreiro de 2023. O delegado do Goberno en Galicia, José Miñones, lembrou hoxe a recente apertura do prazo para solicitar as axudas que permitirán á frota galega e á do resto do Estado a compensar o incremento de custos de produción polo aumento do prezo dos combustibles como consecuencia da guerra en Ucraína.

Segundo explicou, o Ministerio de Agricultura, Pesca e Alimentación (MAPA), vén de abrir a pasada semana o prazo de presentación de solicitudes destas axudas, ás que poden acceder as empresas e armadores de buques e almadrabas ata o vindeiro 12 de marzo e ás que o Goberno destina 120 millóns de euros.

A este respecto José Miñones salientou o “enorme esforzo do Executivo de Pedro Sánchez por mitigar o impacto que o conflito bélico en Ucraína está a ter nos custos de produción das empresas que dependen dos combustibles fósiles para a súa actividade”. Na mesma liña, apuntou que “actuando nestes sectores tamén axudamos ás familias, pois o obxectivo das axudas e reducir tamén o impacto nos prezos finais dos produtos nos mercados”.

Xestión das axudas
O delegado do Goberno en Galicia explicou que estas axudas serán xestionadas directamente polas asociacións máis representativas do sector pesqueiro e acuícola. Para este fin, o Boletín Oficial do Estado (BOE) publicou nas últimas datas o convenio entre o Ministerio de Agricultura, Pesca e Alimentación e estas entidades que rexe a xestión e pagamento das axudas.

Entre as organizacións asinantes do devandito convenio figuran varias galegas, como a Organización de Palangreiros Guardeses (Orpagu); a Organización de Productores de Buques Congeladores de Merlúcidos, Cefalópodos y especies varias (OPPC3); a Organización de Produtores de Pesca Fresca do Porto de Vigo; a Organización de Produtores de Pesca Porto e Ría de Marín, a Asociación de Armadores de Palangre de Ribeira e Aguiño; a Organización de Produtores de Mexillón de Galicia (OPMEGA), a Organización de Produtores Pesqueiros de Burela, ou a Federación Provincial de Confrarías de Pescadores de Lugo. Xunto a elas, unha vintena de entidades locais e asociacións de ámbito estatal completan o listado.

Entre os cometidos destas asociacións están elaborar un listado dos solicitantes que cumpren cos requirimentos para ser beneficiarios xunto cos importes de axuda que lles correspondan, comprobar a documentación e xustificar posteriormente o pagamento das axudas ante a Dirección Xeral de Ordenación Pesqueira e Acuicultura. Como contrapartida por esta colaboración, cada entidade recibirá o 1% dos fondos distribuídos, unha compensación para a que o Goberno reserva un máximo de 495.049.50 euros.

Exit mobile version