Site icon Crónica3.com A Mariña

Nova vitoria en Martorell, para sumar 15 xornadas sen perder

Un Pescados Rubén Burela FS moi maduro anteponse ao Sala 5 en Martorell e acumula 15 encontros sen perder en Liga

Burela, 18 de febreiro, 2023. Ás 17.00 desta tarde no Pavillón Municipal Martorell xogouse o encontro Sala 5 Martorell – Pescados Rubén Burela FS, un dos partidos máis esperados polo equipo laranxa ao ser o último capaz de derrotarlos, na xornada 4. Viaxou o equipo burelense a Martorell cunha espiña que se quitou con facilidade, esta vez en pista rival.

Na primeira metade abre Pitero o marcador no minuto 4 marcando o 0-1 tras un rexeite de tiro de David Pazos. Tras unha oportidade clara de Pitero dentro da área que para Imad co brazo e outra boa ocasión do Martorell cun tiro dende dentro da área que para o o noso porteiro polaco, no minuto 13, metía David Pazos o 0-2 cun gol de falta desde o punto de dobre penalti. Durante poucos minutos o Burela vive uns pequenos momentos de dúbida ante un Martorell que se mostra intenso e agresivo xerando bastante perigo en situacións de transición e estratexia. Chega o descanso con 0-2 no marcador.

Comeza a segunda parte co mesmo quinteto que o inicial, M.Kaluza, Lucho, Nando, Rikelme e Alberto. Tras unha oportunidade de Antón Arnejo dende fóra da área e un paradón de Michal tras un saque de esquina, chega o gol do Martorell no minuto 25, pero un minuto despois chega o 1-3 por parte de Lucho, tras unha transición e un pase de Nando, o que levanta a moral ao equipo mariñán á vez que afunde a do catalán. No 29 expulsan a Marmol con dobre amarela e o equipo de Víctor González queda 2 minutos en inferioridade, cousa que aproveita ben o Burela que aos poucos segundos consegue o 1-4 cun gol de Pitero e rompen o partido, chegando o 1-5 no minuto 31 con outro gol de Lucho despois dunha transición con Pitero tras un roubo de balón no medio campo. O Martorell recorre ao porteiro-xogador que o equipo de David Rial defende ben, con bastantes oportundiades para o Martorell e, coma sempre, bo papel de Michal Kaluza, pero tamén 3 ou 4 situacións claras do Pescados Rubén para aumentar a vantaxe.

Despois da derrota do Parrulo ante o Peñíscola e a vitoria do Alzira ante o Full Enerxía Zaragoza, o Pescados Rubén Burela FS mantense en segunda posición con 41 puntos, a 2 do Alzira con 39 e marcando máis distancias co Parrulo que se mantén con 33 puntos. Tentando asegurar o posto cos máximos puntos posibles para os playoff, agora toca centrarse na semana que vén na que o Betis B visitará Vista Alegre.

Ficha Técnica Sala 5 Martorell – Pescados Rubén Burela FS

Sala 5 Martorell: Imad (P), Bermusell, Marmol, Ibai, David – cinco inicial -, Viedma, Pau (C), Castro, Eric, Fouad, Oussama, Pavel, Reyes (P)

Pescados Rubén Burela FS: M. Kaluza (P), Lucho, Nando, Rikelme, Alberto – cinco inicial- Nito, Pitero, Isma, Antón Arnejo, David Pazos, Bruno (P).

Goles: Min.4 Pitero 0-1; min.13 David Pazos 0-2; min.25 Eric 1-2; min.26 Lucho 1-3; min.29 Pitero 1-4; min.31 Lucho 1-5.

Equipo Arbitral: Jorge Sanclemente Elvira, Cristian Reig Miralles, Marc Álvarez del Toro, Silvia Serrano Sánchez.

Exit mobile version