Site icon Crónica3.com A Mariña

O BNG da Mariña celebra un encontro con Ana Pontón para tratar a situación que está a vivir a comarca a nivel de infraestruturas

O BNG defende unha Mariña conectada e vertebrada con infraestruturas actuais e modernas

A Mariña, mércores 8 de febreiro 2023. Concelleiras e concelleiros do BNG da Mariña, representantes dos gobernos municipais e cargos públicos, celebraron un encontro coa portavoz nacional Ana Pontón para tratar a situación que está a vivir a comarca a nivel de infraestruturas, donde o derrube da N-642 perto dos límites dos concellos de Foz e Burela foi para toda a sociedade mariñá a pinga que colmou o vaso das discriminacións e esquencementos que a comarca sufre desde hai décadas.

A desconexión da Mariña co resto de Galiza e do Estado arranca xa desde finais do século XX, cando decisións políticas erradas e malintencionadas fixeron que a Autovía do Cantábrico (A-8) fora desviada desde Barreiros a Vilalba deixando as partescentral e occidental da Mariña totalmente desconectadas, curiosamente as zonas con máis intensa actividade industrial e pesqueira.
A-74 e VAC San Cibrao-Ferrol, prioridade absoluta e inmediata en todas as axendas.

Neste encontro, os e as representantes nacionalistas acordaron trasladar a todas as institucións e consensuar con todas as organizacións sociais, sindicais e empresariais a necesidade de priorizar en todas as axendas a cuestión das infraestruturas na Mariña para axilizar sen mais excusas a A-74 Barreiros-San Cibrao e a VAC San Cibrao-Ferrol e tamén infraestruturas tan necesarias coma un gran porto comercial tantas veces demandado no actual dique norte de Morás, ou o propio FEVE

A portavoz nacional Ana Pontón fixo referencia ás graves consecuencias que “a profundísima fenda territorial derivada da mala, e neste caso inexistente, planificación de infraestruturas vai ter a curto e medio prazo na Mariña, donde tanto a A-74 Barreiros-San Cibrao coma a VAC San Cibrao-Ferrol siguen sen ser unha realidade décadas despois de seren planificadas. Nós queremos unha Mariña conectada e vertebrada con infraestruturas propias do século XXI”.

Desde o BNG comarcal, o seu responsable Antonio Veiga e o deputado Daniel Castro insistiron na “necesidade dunha resposta firme de toda a sociedade mariñá e tamén de todas as forzas políticas, especialmente as de obediencia estatal, pois son estas as responsables do atraso da comarca en autovías e A Mariña precisa infraestruturas para que as nosas empresas poidan competir e as nosas economías locais e comarcal collan o impulso necesario para o desenvolvemento.

Exit mobile version