Site icon Crónica3.com A Mariña

O BNG dá un novo impulso á demanda dun xulgado específico de violencia de xénero

Lugo, 28 de febreiro de 2023. O Pleno provincial aprobou por unanimidade a moción do BNG para reclamar ao goberno do Estado a creación dun xulgado específico de violencia de xénero en Lugo.

A vicepresidenta da Deputación de Lugo e deputada nacionalista Maite Ferreiro reiterou a necesidade deste xulgado exclusivo para garantir unha atención integral ás vítimas as 24 horas e os 365 días do ano, lembrando que se trata dunha demanda histórica do BNG e do movemento feminista avalada tamén polos informes do Observatorio Estatal contra a Violencia de Xénero que, na súa última memoria anual publicada -do 2020- recolle recomendacións neste sentido.

Maite Ferreiro sinalou que o xulgado do penal que leva os casos de violencia de xénero non “conta con todo o persoal especializado e formado en violencia de xénero necesario, polo que as mulleres que denuncian non teñen garantida a atención psicolóxica nin o seu traslado a lugares de acollida fóra de Lugo durante as fins de semana”.

A deputada nacionalista concluíu a súa intervención incidindo na necesidade de poñer os recursos e medios para que “as vítimas que reúnen forzas para facer a denuncia se sintan informadas, acompañadas, protexidas e seguras de que non corre perigo a súa vida ou a dos seus fillos e fillas”.

Lei Integral de Cultura

O Pleno tamén abordou unha proposta de goberno, impulsada polo BNG, na que se demanda á Xunta de Galiza a elaboración dunha lei que garanta os dereitos culturais da cidadanía e impulse o sector cultural galego, cunha dotación orzamentaria suficiente e unha actualización que atenda ás novidades que se produciron neste ámbito, especialmente ás ligadas ao mundo dixital e ás novas formas de acceso e difusión cultural.

A proposta urxe á Xunta de Galiza a consensuar este marco normativo, tendo en conta as demandas do sector.

O PP engana empuxado pola ultradereita no debate sobre a Lei de Liberdade Sexual

No trascurso do pleno, o BNG deixou patente a hipocresía e demagoxía do Partido Popular no debate sobre a Lei de Liberdade Sexual.

“Se existe algún erro que poida ser subsanado, terá que corrixirse, pero non invalida a totalidade dunha lei que recoñece por primeira vez a violencia sexual como violencia machista e sitúa o consentimento como elemento central para determinar a existencia ou non dun delito de violación , non no de grao de resistencia ofrecido polas vítimas como acontecía ata agora”, sostivo Efrén Castro

O voceiro nacionalista acusou ao PP de “mentir empuxado pola ultradereita” no debate sobre a norma e lembrou que “o Partido Popular non emendou nada da lei para corrixir o que agora di aquí. Pódese ir ao libro de sesións e velo”, concluíu.

Exit mobile version