Site icon Crónica3.com A Mariña

O BNG de Burela pregunta ao concello sobre a súa relación coa RFEF

Os nacionalistas cren que o concello non pode someterse á vontade da Federación

Burela, 1 de febreiro, 2023. Este pasado fin de semana disputouse en Burela a Supercopa de España de Fútbol Sala feminino, coa brillante victoria do conxunto local. Cada vez que no concello de Burela a Real Federación Española de Fútbol (RFEF) organiza un evento deste tipo, repítense certas dinámicas que dende o BNG non considera axeitadas.

En verbas do voceiro do Grupo Municipal do BNG de Burela, Mario Pillado “á parte da desastrosa xestión das entradas para o evento, que causou moito malestar entre afección e veciñanza, chámanos moito a atención a relación real entre as institucións, Concello de Burela e RFEF. Imos preguntar no pleno, se existe algún expediente aberto para a cesión do pavillón Vista Alegre ou algún convenio de colaboración e de existir, cales son os termos do mesmo”.

Continuou Pillado dicindo que “nós cremos que unha vez que o concello de Burela permite á RFEF empregar as súas instalacións a relación debe ser de total igualdade pero vemos que ata o de agora sempre existiu unha certa imposición por parte da RFEF e submisión por parte do concello. Para nós, a RFEF e os clubs da vila teñen os mesmos dereitos e dende logo a RFEF non pode decidir unilateralmente quen, como e cando emprega unha instalación deportiva municipal. Sobre todo porque os colectivos locais están todo o ano coordinándose para empregar as instalacións municipais debido á evidente carencia de instalacións deportivas en Burela, así como dun regulamento de uso dos pavillóns”

O bloque pide ó goberno local que poña en valor as súas instalacións, os seus servizos e o seu persoal

Para finalizar, Mario Pillado, voceiro do BNG, explicou que “insistímoslle moitas veces ó goberno do PSOE que debe poñer en valor o seu patrimonio: instalacións, servizos, persoal…E neste caso, cremos que foi unha mostra mais do contrario. Vista Alegre é unha instalacion crucial para o ámbito deportivo e o persoal que traballa nesa área ten capacidade de sobra para xestionar neste tipo de situacións sen que ninguén exterior lle impoña nada”.

Exit mobile version