Site icon Crónica3.com A Mariña

O Grupo Socialista reclama que a Xunta cumpra o acordo do Parlamento e cree o Observatorio de igualdade no sector pesqueiro galego

Patricia Otero denuncia a “discriminación cara as mulleres” nos postos de dirección do sector

Santiago de Compostela, 28 de febreiro de 2023. A voceira de Pesca do Grupo Socialista, Patricia Otero, reclamou hoxe na comisión de Pesca que a Xunta cumpra o acordo unánime do Parlamento de hai xa un ano para a creación dun Observatorio de igualdade no sector da pesca, ante as alarmantes cifras de desigualdade entre homes e mulleres, en especial coa falta de representación nos órganos de dirección.

A deputada socialista levou á comisión de Pesca unha iniciativa para reclamar á xa que se incumpriu por parte da Xunta o acordo unánime da cámara galega en marzo de 2022, para crear un observatorio da igualdade que estude a situación das mulleres no sector da pesca, contando coa necesaria achega orzamentaria.

Na iniciativa resaltaban que este debería estar formado por persoal técnico que “estude, analice e estableza diagnósticos e medidas correctoras que contribúan a mellorar a situación das galegas que traballan no mar ou en actividades relacionadas, prestando atención á escasa representación das mulleres en postos de dirección e representación”.

A proposición non de lei foi aprobada por unanimidade, pero Otero non confía na aplicación xa que cre que o grupo popular “vota a favor de novo para incumprilo unha vez máis”. Entende que o incumprimento dos acordos parlamentarios é unha dinámica habitual por parte da Xunta.

A isto engade unha falta de “compromiso” coa igualdade no sector que se viu ben claro cando a propia conselleira do Mar “négalles a entrada ao Consello de Pesca galego” á única asociación integrada por mulleres do sector en Galicia. Esta é Mulleres Salgadas, con máis de 2.000 participantes de tódolos sectores do mundo do mar.

Patricia Otero insistiu no fondo do asunto, a importancia da creación do observatorio de igualdade no sector, xa que “o que non se mide non se pode corrixir”. “É fundamental coñecer os datos, saber cales son as deficiencias e intentar facer propostas e dar solucións aos problemas que teñen a día de hoxe as mulleres do mar, porque de aí saíran os datos qu permitirán artellar as políticas futuras de cara a unha igualdade no sector do mar”, alegou.

Expuxo tamén algúns dos datos da falla de representación feminina nos órganos de dirección do sector, por exemplo con só tres mulleres como patroas maiores nun total de 63 confrarías galegas tralas últimas eleccións, cando eran 5 de 63 antes das mesmas, en definitiva nin sequera un 5% das mesmas ten ao fronte unha muller. Otero cre que “é o momento de pedir esas cotas nos órganos de representación no sector pesqueiro”, xa que as mulleres no sector do mar “non queren que os homes tomen as decisións por elas”.

Exit mobile version