Site icon Crónica3.com A Mariña

O PP de Muras ofrécese a convocar á empresa Urbas e á Administración a unha reunión para que informen aos veciños sobre a mina de feldespato

A portavoz popular, Eugenia Requeijo, considera importante que a veciñanza teña información clara e directa sobre os aspectos industriais, laborais, legais/administrativos e medioambientais

Muras, 13 de febreiro de 2023. Hai momentos na vida dos concellos nos que os veciños dubidan sobre como influirán no futuro individual e colectivo proxectos industriais que afectan ao territorio municipal, e, polo tanto, son moitos os que se senten moi preocupados. Este é o caso, en Muras, do proxecto de Urbas para a explotación da mina de feldespato en Silán. Para que todos os veciños do concello, e de xeito especial os máis directamente afectados, poidan dispoñer de toda a información que precisen, a portavoz do PP, Eugenia Requeijo Chao, ofrécese a facilitar unha reunión da veciñanza con representantes da empresa Urbas e da Administración.

Eugenia Requeijo sinala: “Eu creo que é importante que os veciños teñan a oportunidade de coñecer directamente e sen intermediarios todos os aspectos deste proxecto, tanto dende punto de vista industrial, como laboral, legal/administrativo e medioambiental. A información clara é a mellor garantía fronte a posibles intentos de manipulación”. Neste sentido, indica que ten razóns para asegurar que tanto a empresa como a Administración están dispostas a informar detalladamente aos veciños.

No PP cren que aclarar debidamente todos os aspectos relacionados con este proxecto é especialmente importante debido á confusión que xerou o comportamento do alcalde ao longo de todo o proceso para a posta en marcha desta iniciativa industrial. Eugenia Requeijo lembra que o alcalde, nacionalista, durante moito tempo non expresou oposición a este proxecto, a diferencia do que vén facendo nos últimos tempos.

Exit mobile version