Site icon Crónica3.com A Mariña

Os alumnos de 4º ESO de Bioloxía do IES Dionisio Gamallo celebraron o Día dos Humedais na Ría de Ribadeo

Ribadeo, 15 de febreiro, 2023. Os alumnos de 4º ESO de Bioloxía do IES Ribadeo Dionisio Gamallo, acompañados pola profesora Susi Besteiro saíron á Ría de Ribadeo para conmemorar o Día Mundial dos Humedais, que se celebra cada 2 de febreiro co obxectivo de visibilizar e crear conciencia acerca da importancia destes ecosistemas para a humanidade e para o planeta.

O lema proposto para este ano “É hora de actuar polos humedais” supón un chamamento á restauración duns ecosistemas que sofren unha forte degradación e que están desaparecendo a un ritmo tres veces máis rápido cás zonas arboladas. É necesario invertir esta tendencia pero para iso, a xente nova ten que coñecelos.

Ese é o motivo polo que un ano máis decidiuse saír dar a clase á Ría de Ribadeo e ao longo de case tres horas fomos observando as principais aves invernantes: limícolas como correlimos e zarapitos, zancudas como garza real, garcetas e espátulas; nadadoras como pato asubión, pato rabudo, alavanco real ou cormoráns e ata unha das águias pescadoras que tamén elixe o noso humedal para pasar o outono e inverno.

Tamén nos fixamos nos grandes grupos de vexetación que se distribúen ó longo da Ría segundo a salinidade que soportan: pradeiras mergulladas de Herba do mar na Enseada da Lieira, xuncais a partir da Enseada de Vilavedelle e canaveirais na zona máis retrasada, cunha onda mareal máis débil como é de Porto cara a Abres.
Finalmente, observamos a actuación que se fixo dende o Concello na ribeira galega para recuperar a paisaxe autóctona. Dentro do proxecto LIFE Fluvial, taláronse máis de 5000 eucaliptos e outras especies invasoras e plantáronse 11000 pés de especies coma freixos, salgueiros, avelairas, loureiros, bidueiros, carballos e ameneiros. Tal e como pode lerse nos carteis informativos, trátase de recuperar os ameneirais atlánticos e as carballeiras galaico portuguesas, ambos hábitats de interese comunitario que conforman a paisaxe forestal natural da Ría de Ribadeo.

En definitiva, unha clase distinta para darlle a coñecer ó alumnado o noso patrimonio natural e concienciar sobre a importancia de axudar a frear a perda de biodiversidade porque aínda que puidemos observar bastante variedade, os datos dos censos rexistrados en xaneiro marcan unha tendencia á baixa de especies tan emblemáticas como pato asubión e pato rabudo ás que se debe que a Ría de Ribadeo sexa Zona de Especial Protección de Aves, Espacio Ramsar ou Reserva da Biosfera. Polo tanto, actuemos polos humedais!

Exit mobile version