Site icon Crónica3.com A Mariña

“Outros catro anos perdidos para Viveiro”, por Óscar Rodríguez

Próximo a rematar o mandato municipal, o balance da xestión efectuada polo goberno de Viveiro, e moi especialmente pola alcaldesa, a socialista María Loureiro, non pode ser peor. E dígoo con pesar, porque os que pagan as consecuencias da falta de xestión son os veciños e as veciñas de Viveiro. Moitas son as frontes nas que o resultado destes catro anos de goberno socialista foron un verdadeiro fracaso. Pero, polo menos para min, resulta especialmente frustrante no terreo dos servizos sociais e da colaboración con entidades fundamentais para Viveiro, como é o caso de Aspanane.

Di a alcaldesa que non foi posible conseguir os terreos necesarios para a residencia de Aspanane debido a que non está aprobado o Plan Xeral de Ordenación Municipal. É unha afirmación falsa, ou, polo menos, é unha desculpa que non se sostén. Non foi capaz a alcaldesa de negociar que lle cederan o antigo colexio de Celeiro para poder trasladar alí a Escola de Idiomas e que todo o edificio que agora comparten quedará para Aspanane, de maneira que puidera montar a residencia. Pero o que é o colmo da desvergoña política é que pretende xustificar a non consecución de terreos para a residencia porque non está aprobado o PXOM. Pois mire, niso ten razón, pero a culpa é súa e do seu goberno; a culpa é dos gobernos socialistas de Viveiro dende hai 20 anos. Deixaron pasar o tempo, con largas tempadas nas que non fixeron nada, e así chegamos ao día de hoxe sen PXOM. Non só é que non haxa terreos para Aspanane, é que o desenvolvemento urbanístico de Viveiro leva vinte anos parado, con todo o que iso significa, dende todos os puntos de vista, e todos con repercusión económica e social.

Dóeme ver que os meus veciños seguen sen ter centro de día, porque vostede, alcaldesa Loureiro, non fixo cumprir o convenio polo que o Concello cedeu o terreo para a residencia da terceira idade e para un centro de día. Sinxelamente non lle deu a gana de facer nada para resolver este déficit, que, se existe, é pola súa falta de xestión. E que dicir do feito de que, tendo horas aprobadas para o Servizo de Axuda da Domicilio, haxa unhas cen persoas en lista de espera. É triste, pero é así; ese vai ser, señora Loureiro, o seu legado a esta histórica cidade e aos seus veciños.

Un día, alcaldesa, díxome nun pleno que eu teño “moito morro”. Hoxe, facendo, balance do resultado para Viveiro deste mandato municipal que remata, lembreime diso que me dixo cando pensei en canto presume da política social do Concello. E non me deu a risa; non rin, non, porque é moi malo para os meus veciños que Viveiro non dispoña dun terreo ou edificio para a residencia de Aspanane, que careza do centro de día ao que ten dereito, que a lista de espera para o SAF sexa moito máis longa do necesario e que, por non haber PXOM, a cidade non teña deseño de futuro e leve 20 anos perdendo oportunidades de todo tipo. Non me dá a risa; dáme moita pena; si, pena me dá esa actitude súa, esa indolencia e esa falta de peso político que tanto dano fai a Viveiro.

Óscar Rodríguez (portavoz do PP de Viveiro)

Exit mobile version