Site icon Crónica3.com A Mariña

A CIG reclama que se cumpra a normativa do SERGAS, e que o Hospital da Mariña conte cunha escola infantil pública

O sindicato nacionalista denuncia que o propio SERGAS incumpre a súa propia normativa no anuncio da ampliación do Hospital da Mariña en materia de conciliación da vida laboral e familiar

Burela, 27 de marzo de 2023. CIG Saúde A Mariña impulsa unha recollida de sinaturas reclamando que se cumpra a normativa do SERGAS, e que o Hospital da Mariña conte cunha escola infantil pública para nenos e nenas de 0 a 3 anos e así favorecer a conciliación da vida laboral e familiar.

Desde CIG Saúde A Mariña solicitan a creación dunha escola infantil pública no Hospital da Mariña (ao igual que noutros hospitais SERGAS) co obxectivo de axudar a conciliar a vida familiar e laboral, que abra de 7:30 a 22:30 horas durante todos os días da semana, incluídos festivos.

A escola debe ser un lugar de socialización, afecto e desfrute onde se cubran todas as necesidades infantís; saúde, hixiene, descanso, xogo e afecto, nun ambiente cálido e acolledor.

A gardería debe constar con dependencias acondicionadas e cun proxecto educativo propio adaptado á idade do neno/a, levando a cabo unha serie de obxectivos xerais en cada unha das etapas.

Débese dar unha gran importancia tanto ao desenvolvemento harmónico, físico e psíquico como á autonomía do neno/a, xa que o primeiro ciclo de educación infantil é clave para as seguintes etapas da súa vida.

O equipo debe estar integrado por mestres/as de Infantil e técnicos superiores de Educación Infantil.

Entenden que é obriga da administración cumprir a súa propia normativa e poñer a disposición das traballadoras e traballadores medidas de conciliación para favorecer o coidado das crianzas en horario laboral. Unha medida imprescindible para que aquelas mulleres que decidan libremente ter fillos/as non se atopen con trabas que lles fagan elixir entre ser nai ou desenvolverse profesionalmente.

Desde a CIG apostan polo coidado, desenvolvemento e recoñecemento dos e das profesionais, e apostando pola conciliación laboral e familiar do persoal.

Por todo o anterior solicitan o cumprimento dos acordos adoptados pola Mesa sectorial de negociación en materia de protección das persoas traballadoras durante o embarazo (DOG da RESOLUCIÓN do 15 de novembro de 2022).

Medidas de conciliación e apoio á crianza

Zonas para o coidado de nenos e nenas de 0-3 anos.
19. No caso de novos hospitais ou ampliación (no suposto de que por problemas estruturais non fose posible nas instalacións actuais) habilitaranse zonas para o coidado de nenos e nenas de 0-3 anos ou subscribiranse concertos con gardarías próximas.

Exit mobile version