Site icon Crónica3.com A Mariña

A Delegación Territorial da Xunta reafirma o seu compromiso para seguir traballando en favor da igualdade de xénero

A sede de Lugo acolleu a lectura da declaración institucional do Goberno galego, que destaca a aposta por promover as vocacións STEM entre as nenas e mozas e por rachar os estereotipos que aínda persisten

Lugo, 8 de marzo de 2023. A Delegación Territorial da Xunta en Lugo reafirmou hoxe o seu compromiso para seguir traballando en favor da igualdade de oportunidades entre mulleres e homes con motivo da celebración do 8-M, Día Internacional da Muller, que este ano ten como lema Por un mundo dixital inclusivo: innovación e tecnoloxía para a igualdade de xénero.

A secretaria territorial de Lugo, Marta Barreiro, e a xefa da Unidade de Igualdade, Coro Piñeiro, pronunciaron a declaración institucional da Xunta, que destaca a aposta por promover entre as nenas e mozas as vocacións STEM -ciencia, tecnoloxía, enxeñaría ou matemáticas – para rachar coa fenda de xénero e cos estereotipos que aínda persisten. “Para iso – incide o manifesto – “resulta fundamental consolidar o enfoque de xénero e o fomento da incorporación e promoción profesional das mulleres neste ámbito”.

O acto contou coa asistencia do delegado territorial, Javier Arias, quen subliñou que o Goberno galego está a desenvolver o III Programa Muller e Ciencia 2022-2025, dotado con 44,7 M€, o maior orzamento da súa historia. Este plan aspira a lograr un sistema galego da ciencia, tecnoloxía e innovación que incorpore de xeito efectivo o principio de igualdade de oportunidades entre homes e mulleres.

Arias tamén fixo balance da incidencia que tiveron o ano pasado na provincia de Lugo os principais programas de axudas artellados pola Consellería de Promoción do Emprego e Igualdade para seguir combatendo da man das entidades locais e do tecido empresarial os factores que causan o desequilibrio de xénero.

Destacou a concesión de 834.000 euros a 47 concellos -o 70% do total – para apoiar os 11 Centros de Información á Muller (CIM) da provincia e os programas municipais destinados a promover a igualdade, previr e tratar a violencia de xénero e fomentar a conciliación da vida persoal, laboral e familiar. Tamén o apoio ao emprendemento feminino a través do programa Emega, que en 2022 logrou incentivar 57 iniciativas empresariais constituídas por mulleres en 28 municipios lucenses cun investimento autonómico de 709.000 euros; ou as achegas a empresas para implantar medidas de igualdade laboral, que nos últimos meses achegaron 76.000 euros a 15 firmas da provincia.

“Son liñas que se convocan anualmente e que se reforzan neste ano 2023”, dixo Arias, quen lembrou ademais que a Administración autonómica está a traballar no II Plan Galego de Conciliación e Corresponsabilidade 2022-2025, co fin de avanzar no reparto das tarefas familiares de coidados entre mulleres e homes e implantar o benestar laboral nas empresas.

Exit mobile version