Site icon Crónica3.com A Mariña

A Deputación achega 190.000€ para renovar a herba artificial do campo de fútbol da Marosa, en Burela

O Presidente da institución provincial asinou co Alcalde burelao un acordo de colaboración para acometer esta actuación, que ten un orzamento total de 233.800€, dos que a institución provincial aporta o 80% e o Concello o 20% restante

Lugo, 18 de marzo de 2023. O Presidente da Deputación de Lugo, José Tomé Roca, asinou co Alcalde de Burela, Alfredo Llano García, un acordo de colaboración a través do cal a institución provincial financia cunha achega de 190.000€ a renovación da herba artificial do campo de fútbol da área recreativa da Marosa. Este proxecto ten un orzamento total de 233.800€, dos que a Deputación aporta o 80% e o Concello o 20% restante (45.000€).

Os traballos consistirán na substitución do pavimento existente de herba artificial por outro de idénticas condición ao actual, cumprindo coa normativa vixente.

O mandatario provincial destacou que con este acordo “respondemos á necesidade exposta polo Concello de Burela e os equipos que adestran e xogan neste campo de fútbol”. Desta forma, as obras que financia a institución provincial, asegurou, “repercutirán na mellora das prestacións” do recinto, utilizado por xogadores e xogadoras de distintas categorías “nun concello no que a actividade deportiva, tanto de base como profesional, é unha das súas sinais de identidade”.

José Tomé subliñou así mesmo que a institución provincial leva destinado no que vai de mandato á mellora deste equipamento deportivo un orzamento de 242.000€, pois o acordo asinado agora súmase aos traballos financiados tamén pola Deputación cunha achega de 52.000€ para a substitución parcial do peche do campo, fondo sur e este, cunha malla electrosoldada, facilitando o acceso a aseos e vestiarios a persoas con mobilidade reducida.

O Presidente enmarcou estas colaboracións no compromiso “que mantemos dende a Deputación de cooperar cos 67 concellos da provincia para que poidan ofrecer máis e mellores servizos e infraestruturas aos seus veciños e veciñas”.

Exit mobile version