Site icon Crónica3.com A Mariña

A Xunta destaca en Ribadeo o impulso autonómico ás políticas públicas que inciden na eliminación das desigualdades das mulleres rurais e do mar

A secretaria xeral da Igualdade, Susana López Abella, clausurou hoxe a xornada As mulleres constrúen futuro, organizada por Mulleres de Seu en colaboración coa Xunta

Ribadeo, 17 de marzo de 2023. A secretaria xeral da Igualdade, Susana López Abella, destacou hoxe en Ribadeo que a futura Lei galega de igualdade entre mulleres e homes, que entrará no Parlamento antes de que remate abril, contén un título dedicado ao Estatuto das mulleres rurais e do mar. Sinalou as vantanxes desta iniciativa na clausura da xornada As mulleres constrúen futuro, organizada por Mulleres de Seu coa colaboración da Xunta de Galicia e que contou na inauguración coa presenza do director da Axencia Galega da Calidade Alimentaria, José Luis Cabarcos.

López Abella explicou que co Estatuto das Mulleres Rurais e do Mar galegas darase resposta á recomendación do Parlamento europeo aos estados membros de traballar para a implantación dun estatuto profesional que permita avanzar na igualdade de dereitos individuais entre as mulleres e os homes que se dedican á actividade agraria e do mar. “Estamos a impulsar políticas públicas desde a Xunta que incidan de xeito especial na eliminación dos obstáculos que agravan as desigualdades para as mulleres rurais e do mar”, engadiu a secretaria xeral.

Apuntou, ademais, que o VIII Plan estratéxico de Galicia para a igualdade de oportunidades entre mulleres e homes, que constitúe o instrumento guía que marcará o rumbo das políticas de igualdade no horizonte 2027, recoñece a ruralidade como eixo transversal específico polo peso e importancia que ten o medio rural en Galicia. “O lugar de residencia non pode constituír, en ningún caso, un factor máis de discriminación e desigualdade a sumar á realidade das mulleres”, subliñou.

Así mesmo, indicou que o Goberno galego tamén deseña programas para as mulleres que se atopan en situacións de especial vulnerabilidade e que sofren distintas formas de discriminación e iniciativas específicas para axudar ás vítimas de violencia de xénero.
O director da Axencia Galega da Calidade Alimentaria, José Luis Cabarcos, pola súa banda, indicou que a Xunta ten moi presente, en todo momento, a perspectiva de xénero á hora de xestionar as axudas públicas, poñendo sempre en valor o papel da muller no agro galego. De feito, destacou que o número de mulleres titulares de explotacións agrogandeiras en Galicia supera o 50 %, moi por riba do 22,6 % da media nacional.

Neste senso, Cabarcos incidiu na importancia da formación e da profesionalización deste sector, a través dos Centros de formación e experimentación agroforestal que ten a Consellería do Medio Rural, como o Pedro Murias, onde se desenvolveu esta xornada. Así, incidiu en que estes centros permiten ofrecer unha formación de calidade, eminentemente práctica e participativa, onde ademais da formación regrada para todos os interesados en traballar no sector primario está tamén a formación continua que permite reforzar os coñecementos dos homes e mulleres en activo.

Exit mobile version