Site icon Crónica3.com A Mariña

Cátedra do pan no IES Ribadeo

Ribadeo, 29 de marzo, 2023. Este mércores 29 de marzo un grupo de alumnos e alumnas de 4º ESO e 1º BAC asistiron no salón de actos do centro a unha charla de Mª Ángeles Romero Rodríguez, doutora en Farmacia e primeira muller en Galicia que obtivo a cátedra de Tecnoloxía dos alimentos na Universidade de Santiago de Compostela, no Campus Terra de Lugo, e é ademais a directora da singular cátedra do Pan e do Cereal que funciona nese campus desde 2016.

Esta actividade, organizada por Prensa-Escuela e Viaqua co título A Voz da Muller STEM, consiste en propostas de conferencias coas protagonistas femininas, mulleres inspiradoras no ámbito da ciencia actual que sirvan como referentes femininos e animen ás alumnas a cursar estes estudos. Son mulleres que traballan en Ciencia, Tecnoloxía, Enxeñaría ou Matemáticas e que mostrarán ao alumnado que o xénero non é un impedimento para traballar en Ciencia e mostrará aos xoves en que consiste o día a día nestes sectores punteiros da investigación.

Neste caso, Gelís Romero ampliará o tema fundamental da alimentación a un alumnado que xa traballou esta problemática fai un mes como Escola Embaixadora do Parlamento Europeo nunha sesión on line de EUROSCOLA realizada desde a sede do Parlamento en Bruxelas, e que, a través de distintos protagonistas, profundou na sustentabilidade e o futuro dos recursos alimenticios. A charla da nosa ponente, ex alumna do centro, achegou a verdadeira cara dos produtos de consumo diario, explicou o que realmente consumimos, e puxo en alerta a todos sobre os riscos que conlevan determinados hábitos alimenticios que realizamos no día a día sen unha suficiente consideración sobre as consecuencias que a corto, medio e longo prazo poden traer. Un coñecemento máis pormenorizado e un equilibrio na inxesta calórica de cada individuo debe ser o principio dun cambio na sociedade que permita primar a prevención sobre a curación, de forma que poidamos corrixir hábitos non saudables antes de que se convertan en males necesarios de tratar e que consumen a nosa vida e os nosos recursos vitais e económicos.

Unha amena, áxil, entretida e nutritiva charla que debe servir de semente para un cambio na actitude de consumo cotiá, e un mellor e máis racional aproveitamento da Natureza na que vivimos, e tamén unha chamada de atención sobre a necesidade dunha igualdade de xénero que debe ser conquistada en cada ámbito da sociedade e reivindicada por todos.

Exit mobile version