Site icon Crónica3.com A Mariña

Concello e Xunta achegan posturas sobre reforma do Hospital Asilo de Ribadeo

Ribadeo, 23 de marzo de 2023. A concelleira de Servizos Sociais, Mónica Freire, valora de xeito positivo a xuntanza mantida esta mañá en Santiago na Consellería de Política Social, para falar da reforma do Hospital Asilo. Ao encontro coa secretaria xeral técnica tamén acudiron o alcalde, Fernando Suárez, e o técnico de Servizos Sociais, José Luis Gegunde.

O edil ribadense contou que “no día de hoxe, xunto co alcalde e o técnico de Servizos Sociais, acudimos a esta chamada da Consellería de Política Social para esta reunión á que viñemos os tres, con total lealdade e colaboración, para tratar a reubicación dos usuarios do hospital asilo”.

Mónica Freire considera que a xuntanza foi produtiva: “oxalá esta reunión se tivera feito antes porque así se evitarían situacións de incertezas, tanto para os usuarios como para as súas familias. De tódolos xeitos pensamos que foi unha xuntanza produtiva e desde o Concello de Ribadeo valorámola positivamente.

Tratouse o traslado dos usuarios, barallando sempre as localizacións máis próximas a Ribadeo, pensando precisamente no interese dos residentes, que debe ser a prioridade que nos mova a tódalas administracións neste caso”.

A concelleira de Servizos Sociais insistiu en que “viñemos ata aquí, a esta reunión a Santiago de Compostela, tanto políticos como o técnico de Servizos Sociais con total lealdade e vontade de colaboración, como sempre fixemos e sempre o imos facer desde o Concello de Ribadeo, e pensando en que o prioritario, o fundamental e o que nos move é buscar a mellor solución, da mellor maneira posible para que os usuarios do hospital asilo poidan ser reubicados pola Xunta de Galicia, tal e como lle corresponde por competencias, nos lugares máis próximos posibles a Ribadeo, en prazas públicas dentro da rede de centros públicos da Xunta de Galicia”.

Freire Rancaño engadiu: nós, como goberno de Ribadeo e desde o Concello seguiremos traballando coa nosa folla de ruta e con esa idea de que no mes de xuño poidamos comezar con esas obras, unha vez adxudicada esa reforma do hospital asilo que agora mesmo se atopa en licitación”.

Exit mobile version