Site icon Crónica3.com A Mariña

“Desprestixiar nunca é unha solución”, por Jesús Fernández

Afirmacións como “desidia”, “deixadez”, “sillón de confort”, “falta de ganas de traballar”, “desgoberno”, “o peor que lle puido pasar a Viveiro”, “inacción”, “pouca altura de miras”, “poucas luces”, “ningún peso político”, etc. foron dirixidas tanto á alcaldesa como ao goberno municipal ao longo deste mandato. Pódese consultar nas hemerotecas.

Estas si son frases que eu considero despectivas e que amosan a falla de educación do portavoz de PP de Viveiro en innumerables escritos e declaracións, buscando desprestixiar o traballo dos demais.

Eu creo que calquera persoa que se presenta a unhas eleccións, neste caso municipais, vai con todas as boas intencións e para tratar de mellorar a vida dos veciños e veciñas. Sempre hai atrancos e barreiras, mesmo en moitas ocasións non podes facer todo o que desexas e tes que adaptarte ás circunstancias.

Tamén hai quen quere tratar de desprestixiar aos adversarios con argucias dialécticas. A desesperación foi patente e latente neste mandato polo voceiro do PP, pero dos seus problemas internos non somos culpables os demais. Que os arranxen se poden, pero a solución non é desprestixiar ao resto.

E de vox pópuli a división interna que existe no seu grupo municipal. Xa se ve o peso político que tivo ese portavoz. Pasou sen pena nin gloria polo concello, xa non lle deixaron repetir como candidato e agora quere dar leccións.
Eu nunca me considerei nin me considero unha persoa conflitiva, nin ‘follonera’, nin problemática e, moito menos, maleducada nin irrespectuosa, e si traballador, defensor do ben común e dialogante. Calquera que me coñeza pode afirmalo. O que non admito é que se trate de facer a un tonto.

Ríome eu da vontade política. Votaron en contra de todos os orzamentos para as axudas á hostalería e ao comercio e queren dar clases de compromiso.

O sucedido o martes foi un lance do debate e en ningún momento foi a miña intención ofender a ninguén. Usei unha metáfora polos reproches do portavoz do PP en canto á zona da Variante, que efectivamente está con moitas fochancas pero el ben sabe que se está coa tramitación da cesión de Costas xa realizada, aínda que se atopa noutros departamentos para poder cedela ao Concello e poder actuar nela. Por iso, polo momento, non se pode realizar ningunha intervención nese espazo.

Comparouno, ademais, coa decisión por parte do goberno municipal de non firmar o convenio con Portos de Galicia pola cesión do antigo peirao de Viveiro, xa que nolo queren entregar tal e como se atopa, coas mesmas ou máis fochancas que a zona indicada polo mesmo portavoz.

Era unha cuestión que non viña ao tema nese momento, xa que no Pleno se estaba a debater unha moción do BNG sobre un Plan de Mobilidade que sería beneficioso para os cidadáns e que debería ser apoiada por todos os grupos.

Por iso creo que o acto de levantarse e marcharse do Pleno foi, sen dúbida, un intento de chamar a atención.

Xulguen vostedes.

Jesús Fernández-Voceiro do Grupo Municipal do PSOE-PSdG en Viveiro

Exit mobile version