Site icon Crónica3.com A Mariña

Expomar promociónase na World Maritime Week de Bilbao

O xerente da Fundación Expomar, José M. González ‘Brais’, aproveitou o marco do Congreso de Construción Naval SINAVAL, que se celebrou en Bilbao do 21 ao 23 de marzo, para manter diferentes reunións con empresas do sector e institucións relacionadas co mar.

Burela, 23 de marzo, 2023. A World Maritime Week é un encontro referente do sector marítimo internacional, que acolle en paralelo a celebración de catro congresos internacionais referentes aos sectores naval (Sinaval), pesqueiro (Eurofishing), portuario (Futureport) e enerxético (Ocean Energy Conference).
A Fundación Expomar aproveitou a estancia en Sinaval para promocionar a próxima edición da Feira Expomar, que se celebrará no porto de Burela do 10 ao 13 de maio.

Expomar contou cun espazo propio neste certame, que visitaron, entre outros, Javier Fraga, responsable de Abanca Mar, ou Javier Arnau, CEO de Navalia Vigo, outra das principais citas, xunto á de Bilbao e a de Burela, para o sector marítimo e pesqueiro cada dous anos.

Segundo José M. González ‘Brais’, “os resultados desta estancia son altamente positivos, pois mantivemos diferentes reunións de traballo que nos serven case como punto de partida para a celebración nosa feira, xa que aquí atopámonos con moitos dos expositores que estarán en Expomar, e cos que nos citamos xa para dentro de sete semanas en Burela”.

A próxima edición da feira monográfica náutico-pesqueira Expomar 2023 celebrarase do mércores 10 ao sábado 13 de maio de 2023. A feira volverá servir de excelente plataforma comercial para as principais firmas, fabricantes e administracións vinculadas ao sector pesqueiro.

Nas próximas semanas presentarase o programa completo de actividades desta 19ª edición co obxectivo de igualar e mesmo superar a cifra de negocio xerada por expositores e visitantes profesionais durante a última feira en 2019, cando se alcanzaran as 135 casetas de expositores e máis de 350 marcas de diferentes países representadas.

Exit mobile version