Site icon Crónica3.com A Mariña

Isabel Rodríguez celebra que Lugo sexa a provincia de España con máis municipios adheridos ao Plan “A Administración cerca de Ti”, beneficiando a case 100.000 persoas

A subdelegada amosou a súa satisfacción pola boa acollida desta iniciativa coa que se fixeron máis de 500 trámites, entre Certificados Dixitais e Cl@ves, nas sesións organizadas en 59 localidades

Lugo, 22 de marzo de 2023. A subdelegada do Goberno en Lugo, Isabel Rodríguez, avanzou hoxe que Lugo é a provincia de España con máis municipios adheridos a “A Administración cerca de Ti”, cun total de 45 concellos lucenses, o plan do Goberno que achega os trámites administrativos e dixitais á veciñanza. “Estas cifras reflicten o éxito deste programa estatal, co que beneficiamos aos case 100.000 veciños e veciñas que viven nestas localidades do rural e que contarán cun servizo útil e próximo para realizar as súas xestións coa Administración do Estado”, afirmou a subdelegada, quen informou das novidades deste programa durante a inauguración na UNED da Xornada “A Administración a un clic, no teu móbil”, organizada pola Subdelegación do Goberno con motivo da “Semana da Administración Aberta 2023”.

Isabel Rodríguez amosou a súa satisfacción pola boa acollida desta iniciativa coa que funcionarios públicos levaron a cabo máis de 500 trámites, entre Certificados Dixitais e Cl@ves Permanentes, aos asistentes ás sesións organizadas en 59 localidades. A día de hoxe, 45 municipios dos 59 da provincia que participaban, o 76% do total, asinaron o convenio coa Federación Española de Municipios e Provincias (FEMP) para acollerse a este programa.

“Unha ferramenta fundamental para loitar contra o despoboamento, especialmente nunha provincia tan dispersa e envellecida coma a de Lugo, eliminando as desigualdades sociais, mellorando a cohesión social e evitando desprazamentos á cidade”, destacou a subdelegada durante a súa intervención, na que explicou que este acordo permitirá a estes concellos, de entre 500 e 8.000 habitantes, solicitar visitas para que persoal da Subdelegación se desprace periodicamente e realice in situ as xestións que a cidadanía demande previamente, facilitándolles a información necesaria para cada caso concreto.

“O Goberno de España da un paso máis no seu compromiso por non deixar a ninguén atrás e responder aos novos retos aos que se enfrontan os municipios con menor poboación, facendo da AXE unha Administración próxima ás persoas, e defendendo a igualdade de dereitos e oportunidades vivas onde vivas”, indicou a subdelegada. A este respecto, Isabel Rodríguez salientou que este programa amosa a necesidade existente de que a Administración do século XXI estea presente en toda a provincia, “porque unha sociedade verdadeiramente democrática precisa que os cidadáns dispoñan de servizos públicos fortes e de calidade, coa máxima transparencia no seu funcionamento”.

Por último, a subdelegada agradeceu aos alcaldes e alcaldesas o seu apoio e colaboración a esta medida do Goberno e animou ao resto de concellos da provincia a sumarse ao programa e non perder a oportunidade de facilitarlle o acceso aos servizos públicos aos seus cidadáns.

Os concellos inscritos no plan “A Administración cerca de Ti” posto en marcha polo Ministerio de Política Territorial son Abadín, Alfoz, Baralla, Barreiros, Becerreá, Begonte, Bóveda, Carballedo, Castro de Rei, Castroverde, Cervantes, O Corgo, Folgoso do Courel, A Fonsagrada, Guitiriz, Guntín, O Incio, Láncara, Meira, Monterroso, Navia de Suarna, Negueira de Muñiz, As Nogais, Ourol, Outeiro de Rei, Pantón, Paradela, A Pastoriza, Pedrafita do Cebreiro, A Pobra do Brollón, A Pontenova, Portomarín, Quiroga, Rábade, Ribas de Sil, Ribeira de Piquín, Riotorto, O Saviñao, Taboada, Trabada, Triacastela, O Valadouro, O Vicedo, Xermade e Xove.

Xornada na UNED

Isabel Rodríguez, acompañada da directora do Centro Asociado en Lugo da UNED, Ana Traseira, deu comezo á xornada organizada pola Subdelegación e que ten como fin visibilizar os servizos que ofrece a Administración Xeneral do Estado na provincia. Así, responsables dos diferentes departamentos explicaron ao alumnado universitario o catálogo de prestacións do organismo, facendo especial fincapé na Carpeta Cidadá, o Certificado Dixital e a Cl@ve Permanente. Así mesmo, informaron de todos os trámites que se poden realizar nas aplicacións dixitais do Estado e asesoraron sobre o seu uso.

O catálogo de servizos electrónicos da Subdelegación do Goberno en Lugo ofrece 125 trámites de xeito telemático, entre os que se atopan xestións relacionadas cos servizos de Estranxeiría; pago de taxas; comunicación de mobilizacións; validación de títulos universitarios estranxeiros ou a presentación de queixas ou suxestións ante a Administración.

Exit mobile version