Site icon Crónica3.com A Mariña

Isabel Rodríguez reivindica as políticas públicas feministas do Goberno para acadar a igualdade no ámbito laboral

A subdelegada destacou que a conquista de dereitos e a mellora das condicións laborais da metade da poboación segue sendo un elemento fundamental para o Goberno e fixo referencia ás 7.760 mulleres paradas na provincia, o que representa un 57% do total

Lugo, 16 de marzo de 2023. A subdelegada do Goberno en Lugo, Isabel Rodríguez, reivindicou hoxe as políticas públicas feministas postas en marcha polo Goberno para potenciar o acceso ao mercado laboral das mulleres e a súa promoción profesional, impulsando medidas de conciliación e corresponsabilidade. “Porque a pesar dos avances, a conquista de dereitos e a mellora das condicións laborais da metade da poboación segue sendo un elemento fundamental da nosa loita. Para o Goberno de España garantir a igualdade das mulleres no emprego é unha cuestión prioritaria”, subliñou Isabel Rodríguez, quen fixo referencia ás 7.760 mulleres paradas na provincia, o que representa un 57% do total.

A subdelegada realizou estas declaracións na apertura da xornada “Actuacións da Inspección de Traballo en aras da Igualdade laboral”, enmarcada na programación de actividades organizadas dende a Subdelegación do Goberno con motivo do Día Internacional da Muller. Na sesión, dirixida a persoal e responsables municipais dos servizos sociais e dos centros de información da muller, participou a inspectora de Traballo Olalla Ferreiro.

Durante o acto, Isabel Rodríguez advertiu de varias desigualdades latentes a día de hoxe como que as mulleres cobraran de media en 2020 un 18,72% menos que os homes, que as mulleres concentren en España as tres cuartas partes do emprego a tempo parcial ou que catro de cada cinco persoas que piden unha excedencia por coidados familiares sexan mulleres.

Ante esta realidade, a subdelegada puxo en valor os pasos dados polo Goberno para garantir a igualdade entre homes e mulleres no mercado laboral. Así, salientou a subida do SMI nun 46,76% respecto a 2018, “un fito fundamental na corrección da brecha salarial, unha das desigualdades estruturais máis cronificadas do mercado laboral”. Tamén informou que grazas á reforma laboral a fenda de xénero descendeu en 2,7 puntos nos últimos 2 anos e os contratos indefinidos para as mulleres pasaron do 9 ao 41% do total.

Así mesmo, destacou outras medidas aprobadas polo Executivo Central como a ratificación do convenio 189 da OIT, que recoñece os dereitos laborais das traballadoras do fogar; a equiparación dos permisos de maternidade e paternidade para conseguir unha igualdade real á hora da contratación ou a recente lei de representatividade paritaria entre homes e mulleres nos centros de decisión que se aprobou a semana pasada no Consello de Ministros.

“É necesario seguir avanzando na aplicación de políticas que aborden a redistribución dos traballos, os tempos e a riqueza, e a iso está a contribuír o pleno desenvolvemento do III Plan Estratéxico para a Igualdade Efectiva de Mulleres e Homes 2022- 2025”, destacou Rodríguez, unha norma que recolle a axenda política en materia de igualdade para o próximos catro anos.

Para terminar, a subdelegada indicou que o Goberno continuará traballando nun marco legal que elimine as desigualdades de xénero, “porque para ser unha sociedade xusta e democrática temos o deber de aproveitar o 100% do talento feminino, rompendo os teitos de cristal, pero tamén os chans pegañentos”.

Actividade da Inspección de Traballo

A Inspectora de Traballo e Seguridade Social de Lugo Olalla Ferreiro referiuse na súa intervención aos controis que efectúa para o cumprimento da lexislación de igualdade laboral e a prevención de riscos laborais con perspectiva de xénero. Tamén incidiu nas distintas campañas relacionadas coa muller que planifica o Ministerio de Traballo e Economía Social e nas discriminacións que sofren as mulleres no acceso ao emprego, na conciliación da vida familiar e laboral, na negociación colectiva e na relación laboral.

Exit mobile version